A única persoa condenada polo protesto Rodea o Congreso de 2013 entrou en prisión. Francisco Molero, de 29 anos e militante do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT), decidiu presentarse voluntariamente no cárcere de Archidona (Málaga) para cumprir unha condena de cinco anos de prisión por delito de atentado á autoridade e lesións que, segundo a sentenza, terían tido lugar durante o protesta “Rodea o Congreso”. Tamén foi condenado ao pagamento dunha multa de 16.000 euros.

Fran Molero

 

“Fun vítima dun xuízo falso, condenáronme sen proba ningunha alén dos testemuños policiais, totalmente contraditorios”, afirma Molero, quen sinala que foi identificado por “levar roupa escura e pano palestino”.

O Rodea o Congreso de 2013, celebrado como protesto ante a reforma da Lei de Seguranza -a chamada Lei Mordaza, que nesas datas comezaba o seu proceso parlamentar- acabou con 23 persoas feridas e 7 detidas. Delas, a única causa xudicial que seguiu adiante foi a de Francisco Molero, que acudira a Madrid para participar na manifestación desde a súa poboación, Cuevas de San Marcos (Málaga).

No momento dos feitos, Molero tiña 24 anos. “Traballou como xornaleiro, en hostalaría, e no que lle saíu, como a maioría da mocidade”, sinala Óscar Reina, portavoz do SAT. Agora, con 29, vese condenado a cinco anos de cárcere. “Está agoniado e asustado, os seus pais son maiores e son doentes crónicos. É unha situación de instabilidade total, bastante dura”, engade Reina, quen subliña que “en plena mocidade, Fran está condenado por defender dereitos”.

Molero tivo coñecemento da orde de entrada en prisión o pasado 23 de maio. “Antes fora buscar traballo para deixar diñeiro á familia e cando se decatou decidiu entregarse”, engade José Blanco, portavoz do SAT en Cuevas de San Marcos, quen relata que a actividade política de Molero comezou moi cedo: “É un mozo con moita sensibilidade social, desde a puberdade comezou a relacionarse con colectivos sociais. Primeiro cun colectivo republicano que montamos no pobo e despois co SAT. A súa traxectoria social comeza moi novo”.

Sen tutela xudicial efectiva
O xuízo tivo lugar na Audiencia Provincial de Madrid en 2015, e en decembro dese mesmo ano saíu a sentenza: cinco anos de cárcere e 16.000 euros de multa. “Logo após a condena, comezamos a recorrer xunto aos seus avogados, porque foi condenado sen ter tutela xudicial efectiva, non houbo un proceso garantista, o procedemento estivo cheo de erros”, explica a El Salto Reina.

“Sen entrarmos en inocencias e culpabilidades, hai un quebranto ao dereito a un proceso xusto, con todas as garantías”, explica pola súa banda Belén Luján, membro da Asociación de Usuarios da Administración de Xustiza (AUSAJ), quen comezou a exercer como avogada de Molero cando xa estaba ditada a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid.

“Nós entramos xa de cara ao recurso de amparo”, engade despois de explicar que, cando asumiron o cargo, atopáronse con que Molero “non tivera unha defensa efectiva e material real”.

Entre as irregularidades no proceso contra Molero, a avogada salienta que, apesar de este, na súa primeira declaración, ter falado de varias testemuñas, ninguén se preocupou en buscalas. “Existe unha aparencia de designación de avogada de oficio, mais despois, en realidade, non hai designación até a fase intermedia, unha vez que o Ministerio Fiscal xa o acusara”.

Luján sinala que “a principal proba contra el é a propia declaración dos policías, que comparecen como acusación particular no procedemento e piden unha determinada indemnización”. Contodo, non houbo un cuestionamiento sobre como se produciron os laudos forenses, non se presentaron contra periciais, nin se buscou as testemuñas. “Tampouco se cuestiona a identificación deste home, baseada na súa vestimenta: negro con pano. Nas fotos que puidemos comprobar despois vese que case todo a xente era nova, ía vestida de negro e con pano?, engade.

“Se a proba da acusación é a declaración dos policías denunciantes, que son parte do procedemento, e non existe cuestionamento de en que condicións se producíron estes feitos, entendo que compre falar dun quebranto no proceso xusto”, conclúe a avogada.

Apesar das deficiencias no proceso, o Tribunal Constitucional non admitiu a trámite o recurso contra a condena, “como non admite o 99% das demandas”, sinala Luján.

Depois diso acudiron ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. “Presentamos en tempo e forma a demanda no Tribunal europeo, e tampouco entrou”. “Se o Tribunal Constitucional ten unha proporción de admisións dun 1%, o de Estrasburgo teno dun 2%”, engade.

“Agora chegou o momento de executar a condena, unha condena que é absolutamente inxusta. Non hai ningún elemento que non poida acreditar unha sentenza condenatoria contra el”, lamenta Branco, quen reitera que Molero “só tivo avogado defensor na vista oral, non na instrución, e aínda así hai tribunais que teñen a ousadía de ditaren sentenzas condenatorias cando non hai esas mínimas garantías procesuais”.

Após o rexeitamento dos recursos por parte do Tribunal Constitucional e o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, Blanco e Reina anuncian que decidiron iniciar unha querela contra o Tribunal Constitucional por prevaricación. “Ditaron unha sentenza sabendo que era ilegal e a nosa resposta debe ser proporcional”, conclúe Branco.

Ter García

Fonte: El Salto Diario