Desde Vigo, Compostela, Ourense, Ferrol ou da propia Coruña. Os centros sociais amosaron nestas horas a través das redes sociais a súa solidariedade co CSOA A Insumisa e o seu rexeitamento frontal ao que cualifican de “represión” no desaloxo deste espazo autoxestionario coruñés.
“Solidariedade co CSO A Insumisa neste “día escuro” en que a Marea Atlántica desaloxou a hostias este proxecto autoxestionado, que encheu de vida e de compromiso político unhas naves abandonadas, abríndoas para toda a xente e restaurándoas a base de horas e horas de traballo desinteresado”, escriben desde o entro social autoxestionado de Sar (Compostela). Tamén desde a capital galega, A Gentalha do Pichel mostrou a súa solidariedade coa Insumisa e denunciou o despexo. ’10, 100, 1000 centros sociais’, reivindicaron, no que é recuperar o lema que se estendeu na defensa do CSOA compostelán Escarnio e Maldicer cando o despexaron.
Un lema que é partillado agora nas redes por diferentes centros sociais do país. Desde Artábria, en Ferrol, onde mostran a súa solidariedade contra a “brutal carga da Policía Municipal da Marea Atlántica” até A Revolta e Faísca ou A Quinta da Carminha en Vigo, pasando pola Galleira de Ourense, entre outros.
Para esta tarde, 24 de maio, ai convocadas ás 20:00 concentracións de solidariedade coa Insumia en Compostela (Praza 8 de marzo) e Vigo (Marco).
A policía local non tiña a orde de cargar contra o colectivo okupa que tentaba re-ocupar o centro social A Insumisa. E se houbo uso da violencia é porque os axentes se viron obrigados a repeler un ataque, o que terían perpetrado as persoas que quixeron romper as barreiras que impedían o seu acceso ás antigas dependencias da Comandancia de Obras, na Coruña. Esta foi grosso modo a versión dos feitos dada esta quinta feira por Rocío Fraga, unha das dirixentes da Marea Atlántica con máis nível político dentro do goberno que dirixe Xulio Ferreiro.
Porén, as imaxes gravadas en vídeo por unha xornalista de Radio Coruña poñen en evidencia que os policías si cargaron contra os manifestantes.