“A execución penal no sistema penitenciario español réxese polo principio denominado de individualización científica”, o que “supón adaptar o cumprimento da condena ás circunstancias de cada tipo de interno”, sexan estas procesuais, penais ou “persoais, familiares ou sociais”. E nomeadamente “aquelas que afectan á seguranza e á preservación da súa intimidade”. Así responde o goberno español a pregunta formulada polo senador Joan Comorera sobre a situación dun preso concreto: Iñaki Urdangarín.

 

Resultado de imaxes para brieva iñaki urdangarin

 

“A Administración Penitenciaria ten a obrigación de velar pola vida, integridade física e saúde dos internos e é un deber ao que non pode renunciar ainda que para dar cumprimento ao mesmo teña de adoptar medidas excepcionais de separación entre internos, que no caso desta persoa referida na cuestión comporte a ocupación dun espazo exclusivo para el”. argumenta con fundamento o goberno na súa resposta.

 

El Gobierno admite trato “excepcional” a Urdangarin para “preservar su intimidad”

 

Cales son esas medidas?

Iñaki Urdangarín ingresou no pasado 18 de xuño no cárcere de Brieva, construído como penal para mulleres en 1989 cun módulo especial en que poden ser internados homes. Luís Roldán, por exemplo, ex director da Garda Civil, pasou neste módulo 10 anos. Recentemente, por unha importancia aproximada de millón e medio de euros, foron reformadas as instalacións de aquecemento, auga  quente e gas por canto, segundo parece mostraban algunhas deficiencias que o goberno entendeu urxía solucionar antes de acoller o novo hóspede.

No módulo hai cinco celas, patio, comedor e sala de vis-à-vis por onde, segundo informan algúns medios, o preso ten absoluta liberdade de movementos.

 

Resultado de imaxes para brieva iñaki urdangarin

 

Condicións excepcionais?

O que chama a atención non é que o goberno entenda ser o seu deber velar pola vida, integridade física e saúde das persoas internas aplicando o principio de individualización científica. Así o di a lei, e a lei -en principio- está para ser observada tamén polo goberno.

Non, non é iso o que chama a atención. O que realmente choca é que un goberno informado dos seus deberes poda manter un sistema prisional como o do Reino de España, en que é práctica habitual afastar persoas presas lonxe da familia e lugar de arraigamento, en que tortura, malos tratos e morte son rotina en moitos centros, en que persoas con patoloxías psíquicas -anteriores ou aparecidas no período de reclusión- non reciben atención médica, en que persoas xordas son castigadas por non ouviren avisos orais, en que persoas con algún tipo de discapacidade física non poden acceder a determinados espazos do centro penitenciario por causa das barreiras arquitectónicas, en que persoas transexuais son recluídas en módulos reservados a persoas doutro sexo, en que aquecemento e comida son máis que escasos… Chama a atención, si.

Será talvez que en realidade a culpa desta contraditoria situación non é dos responsábeis políticos que manteñen un sistema penitenciario tan manifestamente desigual mais de quen, por torpeza ou precipitación, non soubo escoller con acerto o cárcere que mellor se adecuaba ás súas circunstancias?

Iso polo menos é o que parece sugerir o Ministro responsábel do ramo, Fernando Grande-Marlaska, cando nega a existencia de trato de favor a Iñaki Urdangarín e afirma que calquer outro cidadán, querendo, podería ter escollido cumprir condena na ala exclusiva do centro penitenciario de Brieva. “A crítica é precisa -apostila para calmar os ánimos- mais temos que ter cautelas”.

Pois iso, amodo e sentidiño, que as cousas non son o que parecen.