O incumprimento é flagrante. Das 16.231 persoas refuxiadas que o estado español tiña que reubicar desde Grecia e Italia, apenas chegaron 1.275, un 7,8%. Das 1.449 persoas procedentes de fora da UE que tiñan que ser reasentadas só o foron 631. Un día despois de acabar o prazo para cumprir as cuotas acordadas pola Comisión Europea no 2015, Stop Mare Mortum decidiu presentar recurso contencioso administrativo no Tribunal upremo contra o goberno español.
No que di respecto ao conxunto do plano de reubicación da Unión Europea, os estados apenas acolleron 28.000 persoas das 160.000 acordadas.
Fotografía Víctor Serri
É a primeira vez que un estado europeo é denunciado perante os tribunais de xustiza por esta razón. Unha das avogadas que elaboraron a demanda, Isabel Baixeras, lembra que o compromiso de reubicación desde Grecia e Italia é vinculante e, portanto, de obrigado cumprimento.
Diante dunha inactividade administrativa que afecta de cheo os dereitos das persoas en tránsito, Stop Mare Mortum solicita que a xustiza “ordene ao goberno de España implementar de inmediato e con carácter urxente as súas obrigacións de reubicación das persoas”, e acrescenta, como medida cautelar, que non se espere a resolución do recurso para llo esixir.
A Plataforma fixo un seguimento dos relatorios da Comisión Europea, que evidencian os incumprimentos, tanto das obrigacións finais como das periódicas. Por esta razón, xunto coa Associació Catalana de Defensa dels Drets Humans (ACDDH), o 21 de abril xa presentara un requerimento formal diante da Presidencia do Goberno, que respondeu co silencio administrativo.
Pola súa parte, hai pouco máis dunha semana, Oxfam Intermon presentou dúas denuncias na Comisión Europea para forzar o goberno a cumprir os compromisos, sen descartar a sanción. Agora, compre agardar a ver se o Supremo admite a trámite o recurso de Stop Mare Mortum e se acepta as medidas cautelares solicitadas.
Gemma García
Artigo publicado en La Directa (27/09/2017)