“Jaime Alonso, portavoz de la Fundación Nacional Francisco Franco, alimentó ayer la polémica en una entrevista en La Sexta”.  “Alonso humilló a las víctimas del dictador al destacar de él que «su grandeza es que 40 años después, estos señores [en referencia a los críticos con la situación del pazo de Meirás] tienen la misma patología que sus abuelos y tatarabuelos y no han sido capaces de superar la frustración que Franco y el franquismo les ha provocado». Ata aquí a cita textual. (MARIO BERAMENDI. A CORUÑA / LA VOZ SANTIAGO / LA VOZ 04/08/2017 07:16 H)”.

Sr. Feijoo, se eu dixese esa frase en relación a persoeiros que a vostede e á súa ideoloxía lles doen, xa me terían encausado. Non. Non vou pór exemplos, por si acaso.
Por que non fai ou non o fan o mesmo neste caso cos que profiren frases coma a seguinte?: “Os críticos coa cesión do Pazo aos franquistas, teñen a mesma patoloxía que os seus avós”.

Eses avós citados aínda están nos foxos, nas cunetas e no monte. Si. Xa sei. Cousas da “patoloxía”, din algúns. “O señor alcalde de Baralla, Manuel González, ante a petición de exhumar unha fosa común, afirmou que as vítimas “algo farían” e que o merecían”. (GaliciaÉ, mércores 19 de Agosto de 2015).

Eu coñezo un deses trasavós que o alcanzou “a patoloxía”. Un deses “que o merecían”. Sei onde está soterrado e non facilitan que sexa rehabilitado o seu nome. O motivo foi que cando volvía do permiso militar xa fusilaran varios compañeiros do mesmo barco e aconselláronlle que desaparecese ata que se aclarase o “golpe”. E axiña se aclarou: Tivo de andar fuxido e escapado e morreu de neumonía no monte e houbo que darlle terra alí mesmo, en segredo, porque de non ser así os que lle deran de comer ou de vestir no frío do inverno tamén ían para o foxo pola “patoloxía”.

Que se pretende? Que os netos que “padecen (padecemos) as mesmas “patoloxías” sexan curados coas mesmas medicinas das “cunetas” que aplicou o señor que recibíu o agasallo do Pazo e o sistema por el instaurado? Isto non é apoloxía do terrorismo?

Declaran vostedes: “A Xunta non é competente, non ten competencias”. Que nos queren aclarar? Que vostedes son incompetentes? Ou é que aínda hai outros motivos que non queren dicir? Moita xente coa lingua pequena ten outra opinión moi distinta.

Por veces dinnos algúns deses ben situados desde sempre: “Non levantemos vellas feridas”. E é verdade. Non se levanta nadiña. Por non levantar nin se levantan os mortos oprobiados dos foxos daquela crueldade. Os mortos seguen a berrar coas feridas da honorabilidade e a honradez que seguen abertas e claman moi forte no silencio contra da inxustiza esmagadora da vida que continúa máis alá da morte.

Por iso non descansan en paz. Por iso falo eu hoxe. Por que teñen que estar no monte? Por que os nenos noviños, de oito anos, xa saben e din aínda hoxe: “aquí hai un home soterrado”. Tanto non se levanta nada que en moito tempo non se lle puido nin dicir unha misa: “Era roxo”. E a súa familia, que xa case non a ten, esqueceu o seu nome. Tivo de afogalo.

Pero a veciñanza non temos a conciencia acougada. Esta nosa é “a mesma patoloxía que a dos avós” (aos nosos me refiro), señor Feijoo. Entón eu teño esa mesma patoloxía. E non quero que ese señor Alonso desa Fundación, que xestiona o Pazo de Meirás, ese que opina e diagnostica así con toda seguridade, me chegue a aplicar a mesma medida sandadora e curativa que sandou de vez aos nosos avós. Non quero finar nun foxo oculto e silenciado, sen nome, sen honra, sen poder ser recoñecido polo meu pobo, pola miña veciñanza, pola familia, etc.

O meu nome ten tanta honorabilidade coma o de calquera para poder ser pronunciado na historia. E non teño ningunha “patoloxía” malvada, nin persoal nin herdada. Non teño apelidos compostos, nin importantes, nin falta que me fan. Pero eu non levei a ninguén a estar soterrado no monte onde pacen as ovellas que son máis respectuosas e misericordes do que nós.

Por outra parte, nós fomos forzados a “colaborar voluntariamente” para agasallar a ese “salvador” con esa “pequena e insignificante cousa”: o Pazo da Pardo Bazán.
Sr. Feijoo, vostede é novo. Quero supor que ese sistema, a vostede, nunca lle fixo dano. Sexa vostede feliz.

Pero na súa nómina actual vai que non veñan de novo facer dano a un pobo do que vostede parece ser o caporal democrático e a que ten de defender.
Moitos panos quentes con quen ofende e man dura cos de sempre: co pobo humilde.

Con todo respecto, Sr. Presidente e Señorías da Xunta de Galicia, Sra Valadora do Pobo, pero cunha dor inmensa.