Novo revés de Europa á xustiza española. O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) decidiu por unanimidade que a liberdade de expresión ampara a queima de fotos do Rei e, portanto, obriga o Estado español a pagar os 2.700 euros de multa e os 9.000 euros en gastos de honorarios que tiveron que pagar Enric Stern e Jaume Roura condenados por inxurias á Coroa en 2007, cando queimaron en Girona fotos da monarquía durante a visita de Juan Carlos Borbón e a súa esposa Sofía.

 

Crema fotos rei Felip VI - Sergi Alcàzar

 

 

Estrasburgo establece, pois, que o caso ten a ver cunha “crítica política nunha manifestación pública” para “atraer a atención dos medios” e en ningún caso o atribúe a unha actuación persoal porque “non foi alén do uso dun certo grao de provocación permisíbel.

Despois de revisar os feitos e de lembrar que, nun primeiro momento, foron condenados a 15 meses de cárcere por insultos á Coroa, subliñou que cando se celebrou o xuízo final, a Audiencia Nacional trocou esta condena polos 2.700 euros de multa (e a prisión só seria feita efectiva caso non pagaren a multa). Os acusados interpuxeron entón un recurso no Tribunal Constitucional (TC), que non lles deu a razón, e amparou a acusación de que os dous manifestantes cometeran delitos de incitación ao odio e á violencia que non se encadraban no dereito de liberdade de expresión.

 

Dereitos vulnerados polo Estado
Segundo a sentenza do TEDH, o Estado vulnerou o dereito á liberdade de expresión dos dous mozos contravindo, así, o artigo 10 do Convenio para a Protección de Dereitos Humanos e de Liberdades Fundamentais (CEDH) sobre a liberdade de expresión que establece que este dereito comprende “a liberdade de recibir ou comunicar informacións ou ideas, sen que poida haber inxerencia de autoridades públicas”.

E non só iso. Os xuíces europeos que tomaron a decisión sinalan que a sentenza da xustiza española contra os mozos que queimaron a fotografía “perseguía un obxectivo” contra a liberdade de expresión política, nun momento en que se estaba criticando a figura do Rei como representante da nación española e non como persoa, e sustentan que iso vai en contra do artigo 9 do CEDH sobre a liberdade de pensamento.

Á parte diso, tamén pon de relevo que o TC ultrapasou as súas funcións sinalando como agravante o uso do lume e dunha fotografía grande posta boca abaixo porque, segundo o artigo citado, todo o mundo ten liberdade para “expresar as súas convicións individual ou colectivamente, en público ou en privado, por medio do culto, o ensino, as prácticas e a observancia de rituais”.

Agora haberá que ver se o TEDH tamén se pronuncia na sentenza contra o rapero Valtònyc, condenado a tres anos e medio de cárcere por enaltecemento do terrorismo, calumnias e inxurias graves á Coroa polo contido dunhas cancións que carregaban contra a monarquía, como tamén sobre o caso de Pablo Hasél condenado a dous anos e un día de prisión por enaltecemento do terrorismo, así como en moitos outros casos en que a xustiza española esquece a liberdade de expresión.

De feito, a propia Constitución española recoñece no seu artigo 20 que existe o dereito de “expresar e divulgar libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución”. Iso si, todo dentro duns límites, os que a xustiza de cada país decida interpor.

Marta Escobar Martí

Fonte: El nacional