O Tribunal Supremo fixo pública a sentenza a respecto do recurso de casación presentado polo rapeiro mallorquino Valtonyc, que foi condenado a tres anos e medio de prisión polo contido das súas letras pola Audiencia nacional española o 21 de febreiro de 2017. Tamén condena o cantor a pagar as custas do recurso. A sentenza califícao de “autor responsábel dos delitos de enaltecemento do terrorismo, humillación ás vítimas, calumnias e inxurias graves á coroa e ameazas”.

A acusación particular estivo encabezada por Jorge Campos Asensi, presidente do Círculo Balear, que fora alvo das críticas do rapeiro mallorquino nas súas letras. As cancións polas cales foi xulgado Valtonyc estaban incluídas nos seus traballos Residus d’un poeta e Mallorca és Ca nostra, publicados entre 2012 e 2013 en diferentes plataformas da internet. Agora, a causa volta á Audiencia Nacional española, que terá de decidir a data de ingreso do rapeiro no cárcere .

Á hora de presentar o recurso de casación, a defensa de Valtonyc facía referencia á vulneración do dereito de liberdade de expresión, un feito que foi desestimado pola AN e que tampouco foi tido en conta polo Tribunal Supremo. Nese sentido sinala os limites deste dereito elementar mediante diferentes sentenzas do Tribunal Constitucional español e do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. “A xurisprudencia constitucional destacou tanto o carácter proeminente que ten o dereito á liberdade de expresión nos sistemas democráticos, como o seu carácter limitado cando entra en confito con outros dereitos ou intereses constitucionais, como acontece con aquelas expresións que son manifestación do discurso do odio e que compre interpretar como incitacións á violencia”.
“A xurisprudencia constitucional destacou o carácter proeminente que ten o dereito á liberdade de expresión nos sistemas democráticos”

A defensa tamén argumentou no recurso o feito de as letras das cancións teren sido xulgadas fora de contexto. Mais o alto tribunal español non o considera así: “basta  ler os feitos declarados probados para comprender a gravidade das expresións contidas e o seu correcto encaixe nos tipos penais de referencia”. Segundo o escrito do Supremo, a sentenza da Audiencia Nacional “non reelabora nin tira de contexto as letras, nada inocuas por si mesmas”.

O terceiro dos puntos que sostiña o recurso alegaba que o rapeiro non incorrera no delito de calumnias e inxurias graves ao monarca español e que a sentenza da AN confundia “unha crítica política cunha crítica persoal”. Os maxistrados do Tribunal Supremo, en troca, consideran que “non son letras irrelevantes, non realizan unha crítica política ao xefe do Estado (…) senón que inxurian, calumnian e ameazan de morte o Rei ou os membros da Familia Real”.

A respecto da ameaza contra o presidente do Círculo Balear, Jorge Campos, a defensa do rapeiro defendía que se trataba dunha alegoría “incríbel, inverosímil, propia da letra dunha canción”, un punto que tamén foi desestimado polo alto tribunal español, que considera probadas as ameazas contra Campos.

Leire Giral

Fonte: Directa