Unha acción reivindicativa de Galiza Nova -entrar no edificio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta para protestar por non ser un axente positivo na normalización do idioma- derivou na identificación por parte da policía de 11 militantes nacionalistas, entre eles a deputada do BNG Noa Presas.

 

 

Militantes de Galiza Nova portando a faixa

Nesta sexta feira, as militantes de Galiza Nova despregaron perante a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha faixa en que se lía a lenda “fronte á hipocresía, defensa real da lingua”. En twitter, a organización xuvenil do BNG afirmaba que o sentido deste acto era denunciar “as políticas galegofóbicas do goberno do PPdeG e o falso plano de dinamización lingüística presentado pola Xunta de Galiza”.

A parlamentar Noa Presas -que acompañou a acción- cargou contra o PP, do que dixo que “non quer dialogar en materia de lingua”. “Case 10 anos despois do decreto do plurilingüismo, o idioma galego é a única lingua do estado que perde falantes. Demandamos actuacións reais e non só propaganda”, afirmou nun vídeo gravado ao pé da sede do organismo gubernamental.

Por súa parte, Alexandre Louzao, integrante da dirección de Galiza Nova, denunciou o que cualificou de ausencia de “medidas que dinamicen a lingua galega na xente nova”, ao tempo que reclamou a “retirada inmediata do decreto 2009” -texto legal impulsado por Feixóo nada máis chegar ao goberno galego- por considerar que na práctica supón a “prohibición do galego no ensino”.

A policía impediulles acceder á sede de Normalización Lingüística para continuaren o protesto no seu interior. As mozas e os mozos nacionalistas alegaron o seu dereito a facelo ao tratarse dun acto pacífico nun “edificio público”, aduciu Noa Presas. Os axentes acabaron identificando once persoas. Presas denunciou que a policía actuou após receber unha “orde política”.

Fonte: Sermos Galiza