Concentración en Málaga o 30 de decembro.
Familiares de Boudebala declararon que na noite anterior, o falecido sofrera feridas por causa da intervención de axentes antidusturbios que custodiaban os internos no decurso dun incidente. Nas redes sociais comezaron a proliferar as imaxes enviadas por internos que mostran a forte represión policial, ainda que en ningún caso fica claro que o falecido sexa algunha das persoas espancadas.
No 30 de decembro, día en que se produciron concentracións nas portas do centro e nunha céntrica praza de Málaga, avogados e activistas reiteraron a necesidade de se paralizaren as expulsións de internos do CIE e a abertura dunha investigación independente. “Moitos dos internos están agardando a deportación, o que dificultaría o esclarecemento dos feitos, xa que son eles as principais testemuñas”, afirma Daniel Machuca, integrante da Plataforma Ciudadana contra el CIE de Archidona. Nos mesmos termos pronunciouse na sexta feira o vogal da Xunta Directiva de Málaga Acoge, José Luís Rodríguez.
Nas diferentes concentracións convocadas ao longo do sábado, leuse un manifesto que denuncia a morte d eBouderbala como “un asasinato máis produto do racismo institucional que supón unha política migratoria baseada no encerramento e a deportación”. O manifesto tamén lembra que con esta som xa sete as persoas falecidas en dependencias de encerramento e transferencia forzada. “Sete vidas cuxa custodia e responsabilidade recaía sobre o Estado”, conclúe.
Por outro lado, o sábado tamén foi feita pública a posta en liberdade de dous requerentes de asilo, unha posta en liberdade que tivo de ser solicitada perante a Audiencia Nacional polo incumprimento dos prazos de resolución. “A Administración ten un prazo de catro días para responder a solicitude de asilo e estas chegaron fora de prazo. Perante a negativa da revisión con carácter ordinario destas solicitudes, tivemos de recorrer á Audiencia Nacional, que finalmente nos deu a razón”, expón Fran Mata, avogado de turno de oficiio do colexio de Antequera.