O rapeiro Valtònyc fica en Bélxica e en liberdade. Tampouco no seu caso a xustiza española conseguiu, por agora, que a euroorde emitida pola Audiencia Nacional teña efecto algún. No caso do cantor, ademais, a euroorde de extradición era por terrorismo, algo do todo estrafalario cando do que se está falando é do texto dunhas cancións.

Novo revés á xustiza española que até a data fracasou en Europa en todos os seus intentos. Tanto neste por terrorismo como no caso dos políticos cataláns por rebelión e malversación e en catro estados diferentes: Bélxica, Alemaña, Reino Unido e Suíza. Os casos de Bruxelas -Toni Comín, Meritxell Serret e Lluís Puig- e Xenebra -Marta Rovira- son os máis avanzados; o caso alemán, que afecta o president Carles Puigdemont, non debería demorar alén deste mes de xullo e o da consellera Clara Ponsatí, en Edimburgo, ten unha nova vista preliminar no próximo día 23.

Valtònyc abandonou Mallorca en dirección a Bruxelas o pasado mes de maio para non ter que entrar na prisión e cumprir os tres anos e medio de condena firme que tiña. Desde aquela, as peticións de diversos colectivos foron importantes. Contodo, ninguén atendeu esta demanda. O novo goberno español de Pedro Sánchez tampouco deu ningunha instrución á fiscalía xeral do Estado.

Alén da opinión que cada quen poida ter da letra das cancións do cantor mallorquino, presentarse en Europa cunha demanda de extradición non deixa de soar estrambótico. O mesmo que o que moitos ven como un exercicio de liberdade de expresión outros acaben xulgándoo por terrorismo. É moi difícil que así a xustiza española gañe prestixio e predicamento ante os socios europeos.

Fonte: El nacional