You are hereOutra morte en prisión, outro siléncio

Outra morte en prisión, outro siléncio


MAXIMINO COUTO

Maximino Couto obtivo un permiso no C.P. A Lama. Durante o mesmo , asasinou en Pontecaldelas a sua parella e feriu de gravedade tres persoas.

Reingresou na prisión da Lama e o dia dezasete de Decembro puña fin à sua vida enforcando-se na cela que ocupava. Axiña a Instituición Penitenciária, por boca da sua máxima dirixente dona Mercedes Gallizo, gabou-se da baixa taxa de suicídios nas cadeas do Estado Español (dezaseis no que vai de ano, coarenta no ano 2007) e a auséncia de indícios de que o penado Maximino Couto pudese optar por provocar a sua própria morte. Con isto xustificava a Sra. Gallizo que non tivese sido incluído no programa de prevención de suicídios. Contodo, os responsáveis da prisión da Lama aplicaron o dia 21 dese mesmo mes o protocolo de prevención de suicídios ao presumível autor do crime machista de Portas.

O siléncio pesou sobre a suicídio do autor do crime de Pontecaldelas. Parecia existir certo “alivio social” pola morte de Maximino Couto na cadea. Temos que destacar como excepción salientável pola sua lucidez a opinión de Xose Luís Barreiro Rivas na sua coluna do dia 20 de Decembro no xornal La Voz de Galicia  (“Se asesinó a sí mismo”).

E o certo é que o perfil ético que se pode tirar dos feitos imputáveis ao preso Maximino Couto parecia aconsellar o siléncio perante a sua morte sob a custódia do Estado . E por iso mesmo mais do que nunca hai que reflectir  seriamente e sen medo a descalificacións desde o pensamento débil do “politicamente correcto” sobre o noso sistema penitenciário e sobre a resposta social fronte ao infractor.

Sobre o noso sistema penitenciário
Semella que dezaseis suicídios son poucos para a Directora Xeral de Prisións. Non podemos compartir tal tese. Ingresar preventivo ou a extinguir condena no Estado Español supón un grave risco para a vida da persoa presa. O Centro de Documentación contra a Tortura ten constatada a morte en prisión de 43 persoas durante o ano 2008, e asegura ter notícia de tres mortes mais ainda que –por agora- descoñece a filiación desas tres persoas.

À marxe de consideracións morais ou éticas, a lei ten que ser o mínimo alicerce sobre o que artellar a defensa de direitos e a esixéncia de responsabilidades se non queremos derivar do Estado de Direito a un Estado do “pánico social”. E a lei establece (Art. 3 da Lei Orgánica Xeral Penitenciária)  que a Administración Penitenciária velará pola vida, integridade e saúde dos internos. O feito de se ter xa documentadas 43 mortes no ano 2008 leva a pensar que a Administración Penitenciária incumpre as obrigas que a lei lle impón, sen que o perfil ético mais ou menos afastado do standard do interno ou interna poda servir de escusa para este incumprimento. Ora, o incumprimento da lei xera responsabildades.

A Administración Penitenciária dotou-se dunha norma interna para a prevención de suicídios: a Instrución 14/2005. Nesta Circular asinalan-se como factores concretos de risco de suicídio, entre outros, a incidéncia que ten na persoa a comisión de delitos de violéncia familiar (sic) e a publicación ou difusión da actividade delitiva nos meios de comunicación . Como factores especiais de risco apontan-se na Circular a existéncia de conflitos familiares graves e a mudanza da situación penal ou procesual do penado. Todos estes factores concorrian ao seu reingreso no preso Maximino Couto . Mais non foi incluído no programa de prevención de suicídios. Só tres dias despois , na mesma prisión , con circunstáncias obxectivas análogas (das subxectivas seria temerário opinar) , outro preso ingresado por presumível comisión de feitos de violéncia machista era incluído no programa de prevención de suicídios sen dúvidas. A mesma Sra Gallizo, en declaracións públicas tras a morte do preso Maximino Couto afirmava que “as condutas suicidas, que son mui habituais nalguns internos, sobretodo nas persoas que cometeron delitos de violéncia no ambito familiar.... “ (La Voz de Galicia,18/12/2008).

Non deveriamos suportar o pemanente “gotexo” de suicídios nas prisións do Estado Español con tanta lixeireza. Devemos esixir dos responsáveis admInistrativos e politicos da prisión unha motivada explicación de cada morte que se produz baixo a sua custódia. Porque cada morte é un fracaso dese sistema penitenciário do que se gavan os seus dirixentes ... sexa cal for a opinión que nos mereza ética e socialmente o preso ou presa que decida pór fin à sua vida dentro dos muros da prisión.

A reacción social
O segundo ponto de reflexión deveria levar-nos a analisar a reacción social que se está a producir sobre a función de prisión. Na nosa sociedade manifestan-se, cada vez mais às claras , síntomas dunha demanda de vindicación fronte aos fins que a nosa lexislación outorga à pena privativa de liberdade: a reeducación do penado. Ignoramos se tal demanda social é espontánea ou é xerada artificialmente pola forma nefasta como os meios de comunicación informan do ilegalismo e do infractor penal.

De todos os xeitos, deveriamos pensar se é esa a sociedade en que queremos viver. Se queremos viver nunha sociedade que asume silente as mortes en prisión, como unha manifestación mais da dureza e vinganza social que queremos conferir à pena privativa de liberdade. E se esa sociedade non contraria as solenes declaracións de respeito aos direitos humanos do texto constitucional e a lexislación penitenciária.
Ora, temos que saber que esa dureza posivelmente mañá alastrará dos direitos fundamentais aos direitos sociais. Porque unha sociedade autoritária é unha sociedade mais inxusta. E a sociedade que hoxe cala perante as mortes en prisión e demanda maior dureza penal asistirá  mañá a recortes nos direitos socias e prestacionais de todos .E teremo-lo ben merecido.