You are hereO galego e as liberdades

O galego e as liberdades


Liberdades políticas e direitos económicos, sociais e culturais

Sen liberdades civís e políticas non existirán nunca dereitos económicos, sociais e culturais. Cómpre defendermos a liberdade de expresión, mesmo cando dubidemos no seu conflito con outros dereitos. O noso sistema xurídico baséase no dereito de todos a defender as súas ideas por erradas que sexan. E iso inclúe, para mín, á entidade autodenominada “Galicia Bilingüe”.

Probabelmente sexa no único que poidamos estar dacordo. Porque esta entidade fala do dereito a escollermos a lingua na que aprendermos, como si for un corolario da liberdade de ensino. Mais cómpre lembrar que a Constitución, no seu artigo 27, recoñece a liberdade de ensino no contexto do dereito xeral á educación. Liberdade de ensino que inclúe o dereito a fundar centros docentes, a dotalos dun proxecto educativo propio, o dereito dos pais a que os fillos reciban as ensinanzas relixiosas e morais consonte cos seus desexos e á liberdade de cátedra dos docentes. Liberdade de ensino na que vive o dereito de todos á educación, que esixe a programación xeral das ensinanzas e máis a homologación xeral do ensino por parte dos poderes públicos, segundo o mesmo artigo.

Non existe, pois, un dereito a escoller a lingua no ensino, como tampouco existe o dereito a rexeitar os “curricula” das matemáticas ou coñecemento do medio. Como tampouco existe o dereito dos traballadores da TVG a usar o castelán cando presentan un programa. A lingua vehicular no ensino, nas Administracións que traballan na Galicia e nos medios de comnunicación públicos regúlase a partires da normativa lingüística que nos temos dado os galegos e as galegas: o Estatuto de Autonomía e máis a Lei de Normalización Lingüística.

E o artigo 5 do Estatuto obrígalles aos poderes públicos a promover o galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa e a garantir o uso normal e oficial das dúas linguas oficiais , partindo de que só o galego é a lingua propia do país. O concepto de “lingua propia” non é xuridicamente baleiro, como di erradamente a presidenta de Galicia Bilingüe. Pola contra, conecta coa obriga dos poderes públicos de defender a identidade de Galicia (artigo 1.2 do Estatuto) e coa nosa cualidade de Nacionalidade (artigo 1.1 da mesma Norma Basica). Lingua propia é a creada pola identidade dun pobo. Lóxico é que, desta consideración e dos propios dereitos civís dos galegos, xurda a necesidade dunha política de discriminación positiva a prol desa lingua propia, ademáis minorizada. Ésta é a política que esixe o noso Estatuto de Autonomía.