You are hereCriando inimigos

Criando inimigos


AS MULLERES PROSTITUTAS

Informa a radio que unha muller dedicada á prostitución faleceu atropelada na N II, en La Jonquera-Girona, cando escapaba dos Mossos d`Esquadra. Aclara a información que a policía catalá acudira ao lugar por unha chamada que denunciaba un roubo, non por unha intervención relacionada coa represión da prostitución (última vaga punitiva). Mas a sensación de fustigamento ás persoas que traballan na prostitución determinou este desenlace.

Os medios de comunicación á carga.

Hai cerca de tres semanas, diversos canais de televisión comezaron unha ofensiva mediática contra o exercicio de prostitución na rúa. O primeiro obxectivo foron a Rambla e o mercado da Boquería en Barcelona, despois a madrileña Calle Montera e finalmente diversos lugares do Estado Español. A receita sempre é a mesma: explícitas imaxes do exercicio da prostitución na rúa e as queixas cidadás, coa inevitábel referencia aos nenos (aos que facilitamos violencia e sexo televisado tódolos días dunha perspectiva basicamente machista sen a menor inquedanza). No caso de Barcelona engádese unha critica por lenidade á Ordenanza municipal que regula a materia, e un certo cheiro xenófobo ao se contrapor o exercicio da prostitución na rua á antiga prostitución, máis discreta e asumida por mulleres nacionais.

Cal é a finalidade última desta campaña tan agresiva en medios de comunicación de propiedade é “verniz ideolóxico” dísimil?

Sexa cal for, o resultado inmediato da reacción do poderes públicos à vista está: a rápida represión policial, nomeadamente por via da lei de estranxeiria, retransmitida en directo.

Mulleres escapando da policía, detidas e introducidas en furgóns, chorando diante de cámaras que captan insensivelmente a sua angustia en primeiros planos, cun guión de fondo que sinala que a estas mulleres, de procedencia estranxeira na sua maior parte, só corresponde aplicar a lei de estranxería e notificar unha orde de expulsión do estado español.

Cálmase así -parcialmente- a alarma que antes se xerou. E as consecuencias humanas?

A criación dun novo inimigo: as traballadoras sexuais.

Unha das tendencias político-criminais máis en boga é a criación do inimigo co fin de aprobar e aplicar novas normas punitivas. Tómase como base un colectivo: o estranxeiro (que quita o traballo aos nacionais en tempo de crise), o árabe (que é sempre yihadista potencial) , os menores desocupados e violentos (contra os que se aproban novas leis) …e agora as traballadoras sexuais. Unha vez se identifica como inimigo, as consecuencias da aplicación represiva destas novas normas resulta indiferente. O inimigo non merece que lle sexan aplicadas as regras xerais e non debe tremernos o pulso nen debemos cair en sentimentalismo sob pena de alentar a desorde social.

As consecuencias humanas.

Este é o efeito que se procura ao identificar como inimigo as mulleres detidas polas forzas policiais (maioritariamente estranxeiras): tornarnos indiferentes aos seus medos e padecimentos (o temor a seren expulsadas e devolvidas a países de onde fuxiron, o terror a perderen a custódia dos fillos….) e lexitimar a violación dos seus dereitos. Entre outros, o dereito à dignidade que a nosa sacralizada constitución recoñece a todas as persoas (incluídas aquelas que identificamos como inimigos).

Di ben pouco a favor de unha sociedade, e muito na sua contra, que se preste a devorar acriticamente imaxes como as que comentamos, inspiradas polos políticos de turno e materializadas por executivos de medios de comunicación que, á hora de ingresar os benefícios económicos que lles reporta a publicación diária de anúncios de contactos nos seus xornais e tvs, esquecen todos os seus supostos escrúpulos morais.

Non é difícil adiviñar cal será o resultado destas políticas. Muitas mulleres continuarán exercendo a prostitución e fuxindo a correr cando vexan a policia. Se acaban baixo as rodas de un camión, que imos facer! Ao fin de contas, xa o dixo a televisión, non eran dos nosos, eran dos inimigos.

Orixinal: http://www.xornal.com/artigo/2009/09/22/extras/esculca/criando-inimigos-mulleres-prostitutas/2009092211291835492.html