You are hereXustiza para os crimes nazis, impunidade para os crimes franquistas

Xustiza para os crimes nazis, impunidade para os crimes franquistas


CRIMES E VÍTIMAS DE PRIMEIRA E SEGUNDA CATEGORIA

O pasado 16 de setembro, o xuíz da Audiencia Nacional Ismael Montero ordenaba a busca e captura de tres membros das SS, acusados de xenocidio e crimes contra a humanidade cometidos durante o réxime nazi nos campos de concentración de Mauthausen, Sachenhausen e Flossenbuerürg nos que estiveron presos máis de 7.000 españois.

Sempre é unha boa noticia que se persiga a impunidade pola comisión de crimes contra a humanidade. Non obstante, o que é unha boa noticia tamén pon de manifesto unha inxustiza, a inxustiza das diferentes varas de medir en función de quen é a víctima e quen é o verdugo. Pon de manifesto que os crimes cometidos polos nazis si son dignos de ser investigados e os seus responsables perseguidos, pero non así os crimes cometidos durante a Guerra civil e a dictadura franquista que despois de máis de sesenta anos seguen estando na máis absoluta impunidade. Pon de manifesto que tamén polos crimes máis execrables hai víctimas de primeira e segunda categoría, víctimas ignoradas e esquecidas.

Coherencia

Esta orde de detención e inicio do proceso por parte da Audiencia Nacional fíxose atendendo a petición da Fiscalía que dirixe Javier Zaragoza. A mesma Fiscalía que se opuxo tenazmente a posibilidade de xulgar os crimes contra a humanidade cometidos durante a Guerra civil e o franquismo, agora insta á persecución destes mesmos crimes cando foron cometidos polos nazis.

Segundo a Fiscalía, os crimes de desaparicións forzadas cometidos durante a dictadura non poden ser cualificados xuridicamente como crimes contra a humanidade, pois esta categoría delictuosa foi introducida polo art. 607 bis no Código penal español en 2003, polo que de facelo vulneraríase o principio de legalidade e irretroactividade das leis penais desfavorables o reo. Pero admitindo esta argumentación, do mesmo xeito, os crimes cometidos polos nazis, aínda que materialmente son crimes contra a humanidade, tampouco poden ser cualificados xuridicamente como tal e, polo tanto, perseguidos polos Tribunais españois pola falta de tipificación expresa destas conductas no Código penal no momento da súa comisión.

Polo que se ve, a Fiscalía ten diversas interpretacións do principio de legalidade en función dos crimes contra a humanidade dos que esteamos a falar. Para os crimes cometidos polos nazis interpreta que si son crimes contra a humanidade, entendendo que estes delictos, aínda que non recollidos na lexislación interna, si o eran na internacional e que por tanto o principio de legalidade aplicable non é o interno senón o internacional, interpretación que por algunha razón descoñecida, non e válida para os crimes franquistas.

Atopámonos pois, ante un problema de coherencia, ou mais ben de incoherencia por parte da Fiscalía. Se para os delictos cometidos polos nazis admitimos que poidan ser cualificados como crimes contra a humanidade para así permitir a persecución de nazis octoxenarios, entón, do mesmo xeito, os delictos cometidos durante a Guerra civil e a dictadura franquista son igualmente crimes contra a humanidade o que permitirá investigar as máis de 150.000 desaparicións forzadas cometidas durante este período.

Pero aínda non admitindo que nin un nin outro son crimes de lesa humanidade, asumindo así unha interpretación estricta do principio de legalidade que non permite a aplicación directa no dereito interno do dereito internacional, senón que sempre requirirá a incorporación no dereito positivo, aínda así, o certo e que as desaparicións forzadas cometidas durante a dictadura franquista si poden ser perseguidas. A natureza de delictos permanentes das desaparicións forzadas permite que así sexa, pois son delictos que se prolongan e non conclúen ata que queda determinado o paradoiro da persoa desaparecida. Por iso no caso dos crimes franquistas, non só é posible unha investigación por parte do Estado español que se axuste as esixencias, garantías e principios da lei e o proceso penal, senón que é necesario e imprescindible posto que só así se pode poñer fin a comisión das detencións ilegais.

Esquecemento versus xustiza

Os crimes cometidos polo réxime nazi son e seguirán sendo investigados e os seus responsables perseguidos. Eses crimes si son intolerables e sempre serán escoitadas as voces das víctimas pedindo xustiza polo que aconteceu, xustiza que non se verá limitada por principios nin garantías do dereito e o proceso penal; todo está permitido e ninguén cuestiona que sexa doutro xeito. Pero despois de máis de sesenta anos os crimes de desaparicións forzadas que se sucederon durante este funesto período da historia do Estado español, seguen quedando na impunidade e miles de víctimas soterradas en fosas comúns. Para a súa investigación non só se esixe o máximo respecto a legalidade, senón que esta adecuación ó ordenamento xurídico non será suficiente. Sobre a busca de xustiza que é innegable para os crimes nazis, no caso dos crimes franquistas imponse unha pretendida necesidade de esquecemento, unha política de borrón e conta nova en aras á reconciliación da sociedade española.

Non obstante, non hai, nin nunca haberá, reconciliación sen xustiza porque o paso do tempo, o silencio e o esquecemento non cura as feridas producidas por crimes tan execrable como son as desaparicións forzadas nun contexto de crime contra a humanidade. Para poder falar de reconciliación duradeira é necesaria a xustiza, pois só cando podamos mirar ó pasado sen vergoña poderemos falar de auténtica reconciliación. Só cando non haxa crimes e víctimas de primeira e segunda categoría, existirá unha verdadeira xustiza, pois só hai xustiza cando esta é igual para todos.

>> Mónica Zapico Barbeito é investigadora de Dereito penal da Universidade da Coruña