You are hereOs 4 do L

Os 4 do L


18 MESES + 20 EUROS

18 de meses de cárcere para cada un dos catro encausados, e unha pena económica de máis de 20 mil euros a pagar a escote. Lendo as peticións da fiscalía e da acusación particular, un intúe que no delito debeu ter mediado cando menos intimidación con arma branca ou algún feito de especial gravidade. Sobre todo tendo en conta que precisamente a 18 meses en prisión foi condenado, en abril deste mesmo ano, o ex-xefe da UDYCO (Unidade da Droga e o Crime Organizado) da Policía española na Costa do Sol por axudar a un narcotraficante.

Paradoxalmente cando un segue a ler a noticia aparecida nuns poucos medios de comunicación, comproba que os acusados son catro mozos, e que o seu gravísimo e presunto delito foi ter arrincado o ilegal L do topónimo deturpado A Coruña, nun coñecido macizo floral aló polo 2005. Pero a cousa non queda aí. A acusación particular (a denuncia fora interposta polo daquela Alcalde herculino, hoxe bicador-de-mans-eclesiásticas no Vaticano, Francisco Vázquez) e a fiscalía, piden unha indemnización que multiplica por 15 o valor real das flores, que segundo un informe perital non superarían en realidade os 300?.

A indignación que provoca esta nova demostración diso que popularmente se coñece como a xustiza do funil, non impide, porén, que un acabe preguntándose porque a fiscalía non actuou de oficio, con igual dilixencia e exacerbada contundencia, contra da sistemática vulneración da legalidade, en materia toponímica, por parte dun cargo público. Extrapolando a condena pedida para os catro do L, a Paco Vazquez se cadra lle correspondería como mínimo 18 meses de inhabilitación para ostentar cargos públicos, e o reintegro dos 300.000 de euros que malgastou para encubrir os seus actos ilegais no que ten que ver co topónimo da cidade da que era Alcalde.

Ninguén no seu san xuízo entende que as penas ás que se enfrontan estes catro mozos, sexan nin de lonxe xustas nin axustadas ao presunto mal ocasionado. Véñenme á cabeza esas imaxes imborrábeis, en tempos de Corina Porro, nas que a noite viguesa era o escenario perfecto para que algúns incívicos asaltasen os xardíns para sustraer aqueles tulipáns do estipendio na Gran Vía. Estou certo de que ninguén pediría para eles nin un só día de prisión, e todo quedaría nun xuízo de faltas que no peor dos casos resultaría nunha pequena multa.

Entón que explica este despropósito xudicial? Pois a súa evidente significación política. Nin a fiscalía nin a acusación particular pretenden que se restitúan os ?danos? ocasionados nesa acción simbólica e reivindicativa de denuncia. O que queren é dar un escarmento, mandar un aviso a navegantes. O que pretenden é empregar todo mecanismo legal posíbel para acometer un novo exercicio de represión e persecución política.

Fronte estes feitos, só podo expresar sen paliativos nin medias tintas, a miña completa solidariedade e apoio aos catro mozos enxuizados por ter presuntamente arrincado de feito o L ilegal que moitas e moitos arrincamos tantas veces de palabra.

O problema non son as flores, nin moito menos. A cousa está en que o españolismo non vai permitir que ninguén conteste ou faga fronte a súa pretensión de facer desaparecer o noso idioma, -deturpándoo nos topónimos, silenciándoo nos medios de comunicación, ou excluíndoo do sistema educativo-, como paso ineludíbel para o esnaquizamento da nosa identidade colectiva como nación.