You are hereCruces e minaretes

Cruces e minaretes


LIBERDADE DE CONCIÉNCIA E CENSURA

A cantidade de estupideces que se poden ler e escoitar nun día, ás veces, pode chegar a ser tan abrumadora como sorprendente. Non me estraña, sendo así, que algunhas delas nos cheguen a callar tan fondo –un non pode ter, por esgotamento da propia saúde, o sistema de escudos activado a todas horas– que nos fagan imposible distinguir a confusión provocada polo descoñecemento, da maledicencia daqueles que sómente buscan encirrar e mal meter.

Véxase como exemplo a confusión sementada arredor do referendo suízo que, nun 57%, aceptou prohibir os minaretes nas mesquitas. Coa sentenza europea que prohibe a presenza de crucifixos nos centros públicos dos estados aconfesionais. E é que algúns din que é incompatible o horrorizarse co resultado do referendo suízo, co compartir a sentenza do tribunal europeo.

Unha ollada miope vería, unicamente e sen mirar nin pensar en máis nada, a evidente lóxica inversa de ambas as posturas: ¿permisiva cos minaretes pero censora cos crucifixos? Efectivamente. Porqué? Pois porque, a pesar do seu distinto signo, as dúas posturas coinciden no perseguir a defensa activa do mesmo obxectivo: conseguir a liberdade privada e a neutralidade pública que posibilitan o compatibilizar a convivencia social co exercicio e a expresión persoal das diferentes crenzas relixiosas dunha sociedade plural e aberta.

O laicismo diferenza, e velaí o cerne da explicación, o que é unha expresión privada dunha crenza relixiosa, que corresponde a unha liberdade de consciencia e de expresión inalienable; e que a prohibición dos minaretes nas mesquitas censura. Da necesidade dunha neutralidade pública que posibilite o igual respecto, e oportunidade de expresión, de calquera confesión ou crenza; alterada pola exclusiva exhibición –porqué non a simboloxía doutras confesións?– dos crucifixos nos centros públicos. Dúas dimensións distintas da mesma liberdade pública requiren para a súa protección, mal que pese aos amantes da dobre moral, de dúas solucións diferentes.

A diferenza da natureza de ambos os feitos é tan evidente que, se recorremos a exemplos que os equipare, podemos observar inmediatamente o seu absurdo. Por exemplo, xa que falamos de prohibir os minaretes. ¿Imaxínanse vostedes prohibir os campanarios das igrexas?, ¿declarar esa chamada a misa como un signo relixioso perigoso que hai que censurar?, ¿estarían vostedes a favor de silencialos… ou mesmo de derrubalos? Unha aberración de tamaño calibre é, sen dúbida, demencial. ¿Que problema teñen logo os minaretes que son estruturas que cumpren, exactamente, esa mesma función?

As igrexas son organizacións privadas, con intereses propios, cuxa doutrina forma parte da esfera íntima dunha parte importante da cidadanía. O laicismo recoñece e protexe, mellor que ningunha outra posición, a calquera cidadán, independentemente do que crea ou deixe de crer.

A aconfesionalidade do Estado é un piar constitucional fundamental da democracia. A nosa sociedade, libre para crer ou non nesta confesión ou naquela, optou por que o espazo público se manteña alleo a polémicas e debates. A neutralidade pública permite que o ateísmo ou calquera confesión atope un espazo para a súa expresión. A súa defensa é, en consecuencia, a defensa dos valores de convivencia imprescindibles para unha vida en paz e liberdade.