You are hereIndecencia preventiva

Indecencia preventiva


O DIREITO À PRESUNCIÓN DE INOCENCIA

No circus romano, para gozo dunha sociedade ávida de sangue e espectáculos estridentes, os condenados eran arroxados á area para seren axustizados de diversas e aterradoras maneiras, baixo a vontade do Imperator. Podemos falar como non da Santa Inquisición, do Holocausto xudeu, ou tantas e tantas inxustizas na Historia, nas que ponse de manifesto que en ocasións, a condición humana é perversa e pouco reflexiva.

Sobresaltada está a sociedade española co vergoñento caso da nena canaria traxicamente falecida polas consecuencias dunha accidental caída. Os medios de comunicación como nas épocas máis escuras da humanidade, rapidamente fixéronse eco da detención da parella sentimental da nai, acusado inxustamente dos máis horrendos crimes, dilapidándoo preventivamente, acabando coa súa honorabilidade, e por que non dicilo, dalgún xeito coa súa vida. A inexistencia nalgúns sectores sociais da aplicación de códigos éticos e deontolóxicos, fai que determinadas garantías véxanse danadas por aqueles interesados en facer relevante todo aquelo que poida servir de “carnaza” para o pobo, necesitado do consumo da dor allea para evadirse dos problemas cotiás.

Os xuízos paralelos a persoas aínda non xulgadas, a exhibición sen pudor e innecesaria de detidos esposados diante dos medios, os linchamentos preventivos de todo aquel exposto de xeito tendencioso á opinión social, fai necesario que os poderes públicos tomen medidas para aplacar o que sen dúbida non é conforme a lei, nin aos máis elementais canons da dignidade humana. Cando os propios demos de cada un calan as voces dos anxos bos, e fan que perdamos o “oremus”; cando a sociedade devora prestixios e sentencia sen contemplacións ás persoas; cando a presunción de inocencia non é máis ca un termo lexislativo pedante e inexistente a efectos prácticos, entón é cando deben xurdir aqueles movementos sociais que buscan a defensa dos dereitos fundamentais da persoas, do cumprimento da legalidade vixente, e nalgúns casos, do propio dereito natural, porque hai leis sobre a dignidade do ser humano anteriores ás dos homes, e ás veces, algúns deberían ter claro en temas especialmente sensibles como a gran traxedia da nena canaria e as súas repercusións familiares e mediáticas, que informar o derradeiro é sempre mellor que estar trabucado, porque senón, en troques do dereito á información caeriamos na indecencia preventiva.

Ou non?