You are hereEconomia sustentável e descargas da rede

Economia sustentável e descargas da rede


DIREITOS DE PROPRIEDADE INTELECTUAL

O Goberno do Estado querelle engadir á súa lei de economía sostíbel a habilitación legal para que lle sexa permitido cortar as comunicacións pola INTERNET aos usuarios que descarguen da rede arquivos presuntamente protexidos polos dereitos da propiedade intelectual. Deste xeito, tenta aplicar no Dereito español unha Directiva europea que se aprobou o pasado 5 de novembro e que facilita esta caste de cortes gobernativos, sen permiso xudicial. Directiva que, por certo, obtivo a aprobación dos deputados conservadores, populares e socialistas todos no Parlamento Europeo, onde só acadou o rexeitamento dos deputados liberais, ecoloxistas e nacionalistas da ALE onde fai parte o BNG.
  Mais a teima xurídica está aínda moi lonxe de se resolver. Porque unha lei francesa análoga foi declarada inconstitucional este mes de xuño. E, miren vostedes, no eido dos dereitos e liberdades fundamentais, Europa toda constitúe un único sistema xurídico, baseado na Convención Europea dos Dereitos Fundamentais. Convención que prohíbe cortar comunicacións sen orde xudicial, como prohíbe tamén intervir esas mesmas comunicacións ou entrar nun domicilio sen a mesma intervención xudicial. Sen dúbida o réxime da democracia e das liberdades lles pode semellar a algúns pouco operativo, mais é o propio das sociedades avanzadas. E os xuices e Tribunais constitúen a súa garantía real.
 Xa que logo, Ministra Glz. Sinde, sr. Comisario europeo: miren de non empregar técnicas xurídicas alleas á nosa tradición legal galega e europea e propias da dictadura chinesa. Volten á mesa de negociación e, pensando sempre na supremacía das liberdades, miren de garantir con todas as restricións que cumpran e veñan esixidos polo noso sistema xurídico, os lexítimos dereitos de propiedade intelectual dos autores. Mais, de verdade, fágano sen atallos impropios da nosa democracia.