You are hereLaicismo e democracia

Laicismo e democracia


ÁMBITOS DE INDIVIDUALIDADE E LIBERDADE

O laicismo, como conquista de ámbitos de individualidade e liberdade persoal é unha tarefa longa, porque ao cabo os políticos adoitan sucumbir aos temores electorais e recúan das súas posicións iniciais. O tema dos crucifixos nas aulas é revelador. Eu persoalmente non me sinto amolado pola súa presenza, pero debo ter a democrática sensibilidade de que a outros, tan iguais a min en todo o demais, si lles poida molestar.

Non é de crer que a esta altura esteamos aínda a lle dar voltas a algo tan elemental como que o credo relixioso dunha persoa, se é que profesa algún, é cuestión íntima. Algo tan básico como que a forma que cada quen teña de sentir, se é que o necesita, a “presencia soberana” é individual e non cómpre impoñela aos demais nos lugares públicos de convivencia plural. Algo, en fin, tan kantiano como que a liberdade relixiosa de cadanseu cidadán remata onde comeza a do outro, a do distinto.

En 1827, o Regulamento dos Ciruxáns-Sangradores regulaba non só a súa formación técnica, senón tamén o xuramento que debían prestar para exercer a profesión. O segredario e o examinado debían formar unha cruz cos dedos mostreiro e polgar da man dereita. E logo o aspirante había responder a esta pregunta: “Xurades por Deus e iste sinal da Cruz defender o Misterio da Purísima Concepción da Virxe María Señora Nosa?”. E o interpelado, para poder traballar no seu, tiña que contestar: “Si, xuro”.

Ninguén explicaba que tiña a ver tan incorpóreo misterio co moi físico oficio de aplicar samesugas, abrir furunchos ou arrincar moas apodrecidas, que esa era a competencia básica destes respectabeis gremiantes, acollidos aos santos Cosme e Damian.

Pero este e só un exemplo, e ben miúdo, da infición relixiosa da vida civil deste país, sostida durante séculos e practicada por algúns con fervor, nunca mellor dito, cando non con violencia. Dando un brinco no tempo, o poeta Victoriano Cremer falaba dunha España “de anarquistas e de bispos, insaciábel de sí mesma, máis corazón que cabeza”. E coido que era Ortega quen de se laiar da hispánica afección a consagrar as nosas cidades non ao cerebro, senón ao Sagrado Corazón.

Isto non impediu que até ben entrada a década dos 70 os profesores tivesemos que xurar na Universidade a Lei de Principios do Movimento, que proclamaba “o acatamento á Lei de Deus, segundo a doutrina da Santa Igrexa Católica, Apostólica e Romana, única verdadeita e fe inseparabel da conciencia nacional, que inspirará a súa lexislación”.

E tamén non evitou que a Constitución Española de 1978 plasmase unha fórmula ambigüa, a medio camiño entre a aconfesionalidade e o laicismo.

É moito o peso da tradición, que mistura crenzas, razóns e imposturas con aparente naturalidade. E así seguimos a comparar o aborto co pecado orixinal e a proferir outras arroutadas ideolóxico-relixiosas que non son de mencionar.