You are hereMensaxes de impunidade

Mensaxes de impunidade


XUÍZO A FUNCIONÁRIOS DO CÁRCERE DE TEIXEIRO

O vindeiro 19 de Xaneiro de 2010, no xulgado de instrución número un de Betanzos celebrarase a vista do xuízo de faltas en que desembocou a tramitación xudicial dos feitos que mediáticamente se coñeceron como o “motín de Teixeiro”. Nese xuízo figuran como denunciantes vários presos do módulo de isolamento do penal coruñés e, como denunciados , funcionários do mesmo centro identificados polo seu número de tarxeta carné profisional. EsCULcA comparece en exercício da acción popular.

Os Feitos

A querela de EsCULcA foi apresentada o 9 de Maio de 2007, tras realizar unha série de indagacións e contactos con presos para coñecer o que foi que pasou realmente naquilo que os meios de comunicación calificaron como motin.

Os feitos denunciados por vários presos e por EsCULcA aconteceron entre as 23:30 e as 00:00 horas do domingo 16 de Xullo de 2006. Segundo o relato dos denunciantes e o texto da querela , a alarma entre os presos da segunda galeria saltou ao escuitaren un grande balbordo procedente da terceira galeria. Os berros dos penados levou-nos a concluir que se tratava de unha agresión de funcionários e polo ruído do abrir e fechar das portas deduciron que estes entravan nas celas e mallavan nos internos. Na documentacion obrante en autos constan partes de asisténcia por lesións de vários presos. Tamén denunciaron que posteriormente, entre a a 1.15 e as 5.00 horas, foron agredidos vários presos da segunda galeria por un grupo de funcionários que, segundo declaración destes internos, actuaban encabezados polo subdirector de Seguranza.

Como xa dixemos, estes feitos foron calificados nos meios de comunicación, como “motín” , seguindo as informacións procedentes da Instituicion carcerária e os seus traballadores, sen contrastaren estas informacións con a versión dos presos ou das suas familias.

A falta dunha investigación profunda

Tempo haverá de analisar o contido da resolución que neste xuízo de faltas se dite. Por agora só comentaremos que a investigación na fase de dilixéncias prévias foi somera en exceso e se limitou a arrecadar prova documental . De feito , non se recebeu declaración a nengun dos presos prexudicados. Tamén non se procedeu a receber declaración a nengun dos funcionários que figuran de servizo o dia dos feitos ou que, estando fora de servizo, acudiron ao centro penitenciário esa noite. Consecuentemente, a acusación popular ignora a participación individualizada de cada un destes funcionários, o que a obriga a pedir a citación como denunciados de todos eles.

Por outra parte, non existe dilixéncia de identificación dos funcionários, ainda que na querela, baseada no relato dos presos , fai-se unha descrición física dalgún dos participantes. Tal dilixéncia permitiria identificar os funcionários que presumivelmente tomaron parte nos feitos e evitar citar como denunciados todos os que prestavan servizo. Tampouco se acedeu a que prestasen declaración o director do Centro e do Subdirector de Seguranza. Todas estas dilixéncias foron pedidas en tempo e forma por EsCULcA e denegadas sen motivación algunha.

A doutrina do TEDH

A doutrina do Tribunal Constitucional (que recolle a emanada do Tribunal Europeu de Direitos Humanos) parte de esixir aos xuíces instrutores unha investigación profunda dos feitos cando se referen a maus tratos por parte das Forzas de Seguranza, e tamén nos casos das denúncias de tortura en situacións de privación de liberdade . Así o estabelece, por exemplo, a recente sentenza do Tribunal Constitucional nº 107/2008 (Sala Segunda), de 22 de setembro (entre outras) e a sentenza do Tribunal Europeu de Direitos Humanos de 2 de novembro de 2004.

Tal exixéncia parece ser descoñecida polo xulgado instrutor, o que non deixa de resultar preocupante porque mesmo de una perpectiva leiga en direito, semella dilixéncia indispensável nunha investigación ouvir o prexudicado pola infracción penal.

Febles actuacións frente a tortura

No seu recente relatório perante a Comité Contra a Tortura da ONU (no apartado de Observacións às respostas do Estado Español ao cuestionário correspondente ao 5º informe periódico), a Coordenadora de Prevención da Tortura denunciava que unha das formas de asegurar a impunidade dos delitos de torturas é a calificación destes feitos, cando poden ser denunciados, como faltas. Amnistía Internacional , no seu Informe de 2007 “A sal na ferida", estabelece unha série de medidas imprescindíveis para evitar a impunidade destas condutas inadmisíveis. En concreto, insta as autoridades xudiciais a levaren a cabo unha investigación rápida, exaustiva e imparcial sempre que haxa motivos razoáveis para crer que un funcionário encarregado de facer cumprir a lei cometeu maus tratos, mesmo en auséncia de denúncia expresa.

No caso que nos ocupa , na documentacion obrante en autos constan partes de asisténcia por lesións a vários presos, asi como as suas denúncias. Existen portanto motivos mais do que razoáveis para praticar esa exaustiva investigación que reclama Amnistia Internacional, exaustividade moi afastada da parca instrución levada a cabo neste asunto polo xulgado un de Betanzos. Encanto non asumamos que investigar as denúncias por maus tratos e torturas até o fondo é unha cuestión de xustiza e decéncia democrática , non deixarán de emitir-se desde a xurisdicción sinais de impunidade a aqueles funcionários que se sintan tentados a perpetrar estes delitos… e a aqueles que xa os cometeron.