You are hereUnha sentenza interpretativa xa

Unha sentenza interpretativa xa


Dilacións indevidas

Para alén das dilacións indebidas do Tribunal Constitucional á hora de ditar sentenza sobre o Estatuto catalán, que están na base de todas as críticas á súa actuación, hai máis cousas nesta paisaxe do tan esperado fallo xudicial.

Por ben intencionado que un sexa, resulta difícil sustraerse á tentación de sospeitar unha estratexia subxacente de comunicación, dirixida a ir apodrecendo a cuestión ata que, producida a fartura social pola prolongada pendencia, se acepte calquera decisión final, boa, mala ou regular; cando menos fóra de Cataluña, pois que nela vai ser difícil recuperar un mínimo consenso autonómico tan groseiramente deteriorado pola torpeza política e xudicial.

Costa traballo crer que os membros do Tribunal, incompatibles constitucionalmente co desempeño de todo cargo político, deixen translucir con tanta inverecundia a súa tendencia ideolóxica e se autoproclamen “progresistas” ou “conservadores”, esto é, para o vulgo, afins ao PSOE ou o Partido Popular. E aínda resulta máis difícil entender o afán do Constitucional en se converter en Lexislador. Non é función do Tribunal Constitucional efectuar un xuízo de valor sobre se a regulación adoptada é a máis oportuna, ou se pon en risco ou non determinados valores políticos, pois isto corresponde ao ámbito das diversas opcións políticas que se moven no marco constitucional. O xuízo do Tribunal ten de ser un xuízo xurídico sobre un texto xurídico, un xuízo de vulneración ou non da Constitución, que amais debe exercerse –e son palabras do propio TC– “cando así o exixan razóns moi graves e sólidas”, pois que “a vontade popular expresada na lei só pode ser en principio derrogada ou modificada polos representantes de dita vontade”.

Porén, estes son os riscos da extrema politización do TC, que non parece quen de distinguir entre “mandato” normativo e “texto legal”, mero signo sensíbel mediante o que o mandato se manifesta. Ao meu ver, as cousas encarreiraríanse mellor se o Constitucional asumira unha postura máis nídiamente xurídica. Ou se, entendendo inevitábel un grao de inficción política (a materia sobre que opera é sen dúbida política), ditase de vez –e dende hai tempo– unha sentenza interpretativa. Por este camiño, e utilizando unha fórmula xa moitas veces usada, aplicada a cadanseu dos artigos considerados conflictivos, declararía que un determinado texto non é inconstitucional de se entender dunha determinada maneira. Con isto, estaríase a concretar o sentido e significación do texto en cuestión, sen levar a cabo unha interpretacióin en sentido máis amplo, esto é a deducción ou reconstrucción do texto normativo mesmo.

Eu coido que este é o camiño que se seguirá finalmente, entre outras cousas porque é o máis constructivo e razoabel; aínda que para esta viaxe non creo que fosen necesarios case catro anos de reviravoltas e trapacerías.