You are hereIlegais ou sen papéis

Ilegais ou sen papéis


DIREITOS DE IMIGRANTES

Nestes días pasados tivo lugar unha confrontación partidaria, con transcendencia nalgún concello coma o de Vic en Cataluña ou o de Torrejón de Ardoz en Madrid, que restrinxían claramente os dereitos esenciais dos inmigrantes que pretendían inscribirse no correspondente padrón municipal, mais que carecían do visado no seu pasaporte para a súa estadía en España.

A confusión entre o requisito do empadroamento e a existencia coma persoas dos inmigrantes, teñan ou non papeis, é tan discriminatoria coma o de chamar “ilegais” a quen non teñan “papeis”, pois, segundo esa denominación, un visado no pasaporte ou a súa falla supoñen o pasaren de non teren un papel a non teren lei e, polo tanto, tampouco os dereitos esenciais que, coma persoas, teñen todos os homes polo simple feito de seren así.

Eu teño un exemplo, que vin no seu día, dun emigrante español a Alemaña, aló polo ano 1961, cando os galegos e moitos españois máis ían traballar a Alemaña tamén sen contrato de traballo e, polo tanto, sen papeis. Mais o xeito de poderen traballar era, precisamente, o de se empadroar no concello correspondente e, dese xeito, deixaban de seren ilegais pois xa tiñan personalidade e eran existentes. O caso que conto, ademais, tiña un valor moi especial xa que, no seu pasaporte español, turístico pois aínda non funcionaba o Instituto de Emigración, a policía da fronteira puxéralle o apercibimento de que tan só lle valía coma identificación para unha estadía, como turista, de tres meses e que, polo tanto, quedáballe prohibido o traballar. O noso home empadronouse na casa dun amigo que se atopaba traballando naquel país, na cidade de Karlsruhe, e aló botou tamén traballando, co certificado do empadroamento, coma calquera outro traballador.

Esa foi a situación dunha manchea de traballadores españois polos países do mundo; especialmente na Europa e, denantes, na América, que constituíron unha das poboacións emigrantes máis numerosas do mundo e que, aínda hoxe, poden modificar os resultados dalgunhas eleccións, cando lles pagan o seren sen papeis, pero non ilegais, dándolles o dereito a votar.

O PP galego podería consultar sobre deste asunto ao que foi deputado na pasada lexislatura; viúvo, precisamente, da Arxentina para desenvolver aquí o seu traballo parlamentar, o bo amigo Castelao Bragaña, que tamén foi presidente do Consello Xeral da Emigración.