You are hereUn camiño errado

Un camiño errado


O ENDURECEMENTO DAS PENAS

Di un antigo cantar popular de Castela:

“En la puerta de la cárcel

escrito está con carbón:

aquí el bueno se hace malo

y el malo se hace peor”.

Ao fío da proposta do PP propondo un debate sobre a cadea perpetua reabriuse a cuestión xeral do endurecemento das penas, mesmo suxerindo a conveniencia de implantar a cadea perpetua.

A cuestión ben merece que haxa moitos pronunciamentos públicos, pois que está en xogo o sentido último do sistema punitivo do Estado. En realidade, cando se fala deste tema estase a tratar do ponto central da teoría dos delictos e das penas, que por séculos fixo correr ríos de tinta aos penalistas, dende que César Beccaria, en 1764, proscribira as prisóns arbitrarias e demandara “xusta proporción entre o castigo dos crimes e delitos”. Co decorrer do tempo a polémica decantaría na evoluída idea de que a pena non debe considerarse como castigo ou retribución polo dano causado, senón como medio de recuperación do delincuente. Esta é a concepción do Dereito moderno e, xa que logo, da vixente Constitución española, que establece, non como recomendación senón imperativamente, que as penas privativas de liberdade estarán orientadas á reeducación e reinserción social e que os presos gozarán dos dereitos fundamentais nela recollidos. Entre deles sobresae o dereito á integridade física e moral, que non se pode reducir á proscripción da tortura, do “lavado de cerebro” ou do “narcoanálise”, senón consideralo tamén comprensivo do dereito á saúde ou do mesmo desenvolvento da personalidade do artigo 10 da Constitución. Son compatíbeis a cadea perpetua e outras formas de rigorosa agravación das penas con esta concepción? Eis a cuestión.

O debate pode formularse en termos de compatibilidade “moral” e tamén dende un ponto de vista práctico, de eficacia do sistema. A Declaración de Independencia de EEUU (1776) xa estableceu que non se podían impor “castigos crueis nin inusitados” e fórmulas semellantes aparecen en todas as constitucións dos séculos XIX e XX, prohibindo os “tratamentos contrarios ao sentido de humanidade” e descartando as “penas inhumanas ou degradantes”. A cadea perpetua, unha especie de “summa suplicia” do Dereito romano, ben merece esta consideración, pois é ben coñecido que unha persoa que leve 20 ou máis anos no cárcere sufre unha gravisima degradación física e mental que a fai insusceptíbel de recuperación e reinserción social. Esta penas non se cohonestan fácilmente co dereito constitucional á integridade física e moral, senón que máis ben constitúen violencia inhumana; e di un vello principio xurídico que cando impera a violencia, atropélase o Dereito.

Mais o colmo da violencia é a violencia inútil, que nada restaura e que bascula cara a vinganza, ese pracer –dicía Juvenal– das almas pequenas e mesquiñas, que nunca debe encarnar nos poderes públicos. Violencia intolerábel, porque está demostrado que un sistema de penas rigorosas e sen tempo de redención posíbel non dá como resultado unha redución da delincuencia.

O Código Penal de 1944, vixente cando eu estudaba Dereito en Santiago, era herdeiro de principios autoritarios, introducidos sobre o texto da República, de 1932. Falaba, en efecto, de “castigar” faltas e delitos, sen a penas asomo de espírito de reinserción do delincuente, ao que o Código advertía coa “eficaz sanción da Lei para os que se apartasen das reglas de moralidade e rectitude que son norma de toda sociedade iluminada na súa marcha a través dos camiños da Historia polos reparadores principios do Cristianismo e o sentido católico da vida”.

Había daquela pena de morte e determinados delitos eran castigados con “reclusión maior a morte”, deixándose ampla discrecionalidade para a aplicación gradual do prescrito. A pena de morte asignábase ao magnicidio, traición, rebeldía, piratería, parricidio, asasinato, sedición, tendo en conta que sedición eran tamén as “folgas de obreiros”... e a execución do reo efectuabase “na forma determinada polos regulamentos”. Velaí o lugar da “reserva legal” naquel odioso sistema. Si había certa conmiseración para coas embarazadas, xa que a pena de morte non se executaría –dicia o Código– na muller encinta, nin se lle notificaría a sentenza que lla impuxera “até que pasasen 40 días dende o parto”. Menos mal.

No Código de 1944 as atenuantes e eximentes eran acordes coa moral daqueles tempos: rebaixaba a responsabilidade criminal o feito “de obrar por motivos morais, altruistas ou patrióticos de notoria importancia” e o marido que, “sorprendendo á súa muller en adulterio, matase no acto aos adúlteros ou a algún deles, ou lles causase lesións graves”, era castigado con simple pena de desterro; e de lles producir lesións non graves, quedaba exento de pena.

O sistema punitivo é un conxunto de principios, criterios e técnicas xurídicas, non unha circunstancia concreta, unha excepción ou un erro xudicial. E hai que valoralo nestes termos. O sistema franquista, inflexíbel, cruel e violento non impediu que os nosos cárceres estivesen anos e anos ateigados de presidiarios, sen redención nen esperanza, e que a delincuencia non diminuise sustancialmente. Hoxe en día, cun sistema punitivo que algúns califican de morno e consentidor, seguimos a ter os cárceres ateigados, mais a delincuencia descendeu progresivamente dende hai 20 anos. As cousas no son tan simples e lineais como se pintan. Non creo que os que agora propoñen a cadea perpetua e un xeral endurecemento das penas teñan a intención de restaurar aquel obsoleto Dereito penal do franquismo. Pero cómpre exercitar a memoria. Emporiso é o momento de afirmar que se algo está claro é que a “violencia” institucional non é bó camiño para a redu ción da violencia individual e social, agás que quixésemos camiñar suicidamente en dirección equivocada.

Os tempos de inficción ideolóxico-relixiosa e de dureza extrema do sistema punitivo son afortunadamente un pesadelo do pasado. Pero isto non se debe confundir coa idea, ás veces extendida de forma interesada, de que hoxe en día as penas non se cumpren, que os criminais quedan impunes e que os cidadáns estamos indefensos. Hai moita inficción interesada na divulgación destas especies, aproveitando e magnificando erros e malas interpretacións. O Dereito é un sistema de principios, mais é tamén unha técnica, que ten as súas regras e conceptos e que, con frecuencia, se transmite mal a opinión pública, que fica xustificadamente abraiada por fallos xudiciais que non comprende: léase a interpretación burda de conceptos como “ensañamento” ou “alevosía”, tratados nos medios con indesexábel impericia técnico-xurídica, que crea alarma e decepción social fronte aos xuíces.

De seguro que hai moitas cousas que mellorar no noso sistema penal e penitenciario, entre delas a propia redención de penas, para evitar fallos clamorosos e reincidencias inxustificabeis. Con todo, insistir de forma paixoal e irreflexiva no endurecemento das penas como solución constitue un simplismo impregnado de certo primitivismo vingativo. Hai máis camiños que explorar e practicar. E os xuíces da plataforma Outro Dereito Penal é Posíbel sábeno ben, e fan ben en divulgalo.