You are hereDos delitos e das penas no noso sistema

Dos delitos e das penas no noso sistema


SOBRE AS PETICIÓNS DE CÁRCERE PERPÉTUO


a) Os mitos sociais
:

–“Aquí os delincuentes entran por unha porta e saen por outra…”.

–“A lei está feita para o delincuente…”.

–“ Unha pena de dez anos convértese en dous ou tres entre redencións por boa conduta e liberdade condicional…”

–“No cárcere viven moi ben: cama, almorzo, xantar e cea, televisión e deporte no patio…”.

Chamaba a atención hai poucos días en Xornal de Galicia o profesor e vicerreitor da Universidade de Vigo, Iván Area, sobre os mitos que inzaban o imaxinario colectivo de parte das clases medias galegas a respecto da aptitude da nosa lingua para ser vehículo principal do ensino das matemáticas. E nos ilustraba concretamente sobre a redución do absurdo da presuntamente inintelixíbel (para algúns pais e nais, que non para as espelidas crianzas de hoxe en día) proposición de “dous ao caldeiro”. Pois ben, coa presunta benignidade das penas a respecto dos delictos ocorre outro tanto. Espállanse dende algúns medios alarmas sociais sobre delincuentes que saen á rúa por esquecementos culpábeis de xuíces ou secretarios e fíltranse interesadamente enquisas a prol da pena inconstitucional do cárcere perpetuo.

E, certamente, hai delitos tan horrendos que a reacción natural e lóxica do familiar, amigo ou cidadán privado é a da vinganza, da prevención ou exclusión social perpetua, da eliminación de tal especime da vida social.

B) O sistema penal español é duro abondo.

Mais os poderes públicos dunha sociedade democrática non poden reaccionar do xeito que reaccionamos vostede e máis eu, ou o señor aquel veciño da súa nai. As penas, constitucionalmente, cumpren, si, fins de prevención máis tamén de rehabilitación. Até o ponto de que, precisamente, o alicerce da inconstitucionalidade do cárcere perpetuo é o dereito de todo delincuente a se rehabilitar e se reinsertar socialmente. E, miñas donas e meus señores, non é certo que o sistema penal e penitencial español sexa lene ou permisivo. Se falamos da nosa Galiza, por exemplo, afrontamos unha poboación penitencial moi elevada cunha taxa de criminalidade moi baixa en comparanza coa da Unión Europea. E no resto do Estado a criminalidade é máis elevada, mais tampouco acada os niveis medios europeos.

Porén, as penas, dende a reforma do Código Penal de Belloch no 1994, son abondo cumpridas e, o que é máis punitivo, “páganse” na meirande parte das veces até o derradeiro día. Sobre todo no caso dos penados que non teñen contactos sociais que lles permitan ofrecer á Administración penitenciaria a apariencia dunha posibilidade de reinserción cara o terceiro grao ou a liberdade condicional.

A Asociación galega Esculca fai un labor continuo e eficaz de prevención das vulneracións dos dereitos humanos nos cárceres. E nos ten decote avisado sobre as carencias da sanidade penitencial, sobre a dificultade do reinsertamento dos penados, sobre a rigorosidade do réxime penitencial. Non, en verdade, eu (ou calquera outro profesional do foro) pódolles dicir que no cárcere non se vive ben e que se adoita engadir á aflitividade da pena o extremo afastamento do entorno e da familia (contra o disposto na vixente Lei Penitenciaria) ou as carencias formativas e rehabilitantes do noso sistema penitencial.

C) O sistema penal español adoita esquecer ás vítimas dos delitos.

Porén, é verdade que o noso Dereito Penal nunca considerou o papel central da vítima. É moi complexo acadar a satisfacción das indemnizacións sinaladas a prol das vítimas, de non ser a través da presenza case permanente dun avogado propio que complemente onde o ímprobo traballo cotián dos fiscais non pode chegar.

E cómpre unha atención social, rehabilitadora e psicolóxica a prol das vítimas dos delitos, nomeadamente dos violentos, ampliando deste xeito as experiencias máis ou menos exitosas das vítimas dos malos tratos de xénero ou dos delitos do terrorismo. Atención que habería ser desenvolvida de xeito inmediato dende servizos propios da Xunta de Galicia abastadamente dotados dende o financiamento estatal común.