You are hereAfganistán: guerra que non cesa

Afganistán: guerra que non cesa


NOVA OFENSIVA MILITAR

Asistimos estes días a unha nova ofensiva militar contra Afganistán por parte dos exércitos nacionais dos diferentes Estados que, baixo o paraugas da OTAN, defenden os intereses do imperialismo global. Esa guerra, a de Afganistán, que tan doada pareceu no seu momento e que hoxe semella un auténtico beco sen saída para os estrategas que a deseñaron coma quen arma un crebacabezas.

Nesta nova ofensiva, liderada -faltaría máis!- polas forzas armadas do imperio, ao tempo que se destrúen cidades, se arrasan lugares e se sementa o caos, tamén se aniquilan ducias de vidas humanas, ante a absoluta indiferenza dos gobernos que promoveron e manteñen esta guerra, que apenas tatexan algún laio sen dirección cando teñen que asumir o asasinato de civís, no medio da destrución que provoca o avance das tropas. A mesma indiferenza que transmiten, xordamente, os chamados medios de comunicación de masas, no seu triste papel de maquinarias de propaganda perfectamente aceitadas para narcotizar, máis unha vez, as conciencias colectivas por -case- todas as partes do mundo.

Tampouco a esquerda de Occidente -noqueada polo capitalismo global, fraxilizada e atoutiñante-, é quen de responder coa contundencia debida a este novo episodio do imperialismo rampante. Nin sequera, de premer con suficiencia abonda sobre os gobernos nacionais para lles exixir a retirada das tropas dos países respectivos. As diferentes cámaras de representación das diversas nacións implicadas dan en aprobar, ano a ano e tras intancia dos gobernos, remesas de soldados con destino a Afganistán e uns orzamentos en materia de Defensa destinados a manter o statuo quo, isto é, unha guerra imperial condenada a unha fin incerta.

De feito, nas propias fileiras dos estrategas militaristas son cada vez máis as voces que claman por impulsar unha nova vía político-diplomática, pola que se abran e manteñan canles negociadoras co complexo mundo talibán, que hoxe por hoxe controla boa parte do territorio e sen o cal calquera solución á deleiba afgá é misión absolutamente imposíbel. E iso ben o saben no Pentágono...

Nin unhas eleccións carentes de calquera lexitimidade, nin un goberno espantallo sen máis autoridade que o seu sometemento aos invasores, poden posibilitar un futuro digno de tal nome ao pobo de Afganistán. Pobo, por outra parte, ignorado e que leva sufrido até o indicíbel durante décadas e no nome do cal se veñen perpetrando non poucas desfeitas e barbaries.

Poida que a nova ofensiva militar das tropas invasoras á que asistimos estes días sirva para modificar algo dos taboleiros que manexan os altos mandos militares imperiais, o que é seguro é que para nada vai valer a que o labirinto afgán teña novos horizontes en beneficio do(s) pobo(s) que habita(n) ese lugar escurecido ao sol e chamado Afganistán. Troops out!