You are hereEmocións e racionalidade xurídica xudicial

Emocións e racionalidade xurídica xudicial


O FUNCIONAMENTO DA XUSTIZA

Felipe González, exemplo de mesura no exercicio do incómodo papel de floreiro chinés de ex-presidente, valioso mais que ninguén sabe onde poñer, vén de meter a pata até a éngoa ao calificar de “gando” á cúpula do poder xudicial. Non son palabras propias dun político sobranceiro. Pero a súa afirmación leva a profundizar nas causas e consecuencias de tan sonoro exabrupto.

Ante todo, é evidente que a nosa sociedade está farta do funcionamento da xustiza, das súas dilacións indebidas, das controvertidas escoitas do Gürtel, do “cambio de cromos” entre as Asociacións da Maxistratura no nomeamento de cargos, farta da distinta vara de medir dos xuíces segundo a estatura social e económica dos “xusticiables” (cómpre recordar as doutrinas Parot e Botín), farta dos condicionamentos políticos e da obediencia partidista da “clase” e do protagonismo estelar e mediático dalgúns dos seus maxistrados.

É máis, resulta común a percepción de que as enquisas do CIS revelarían como grave problema o desprestixio xudicial de se lles preguntar aos cidadáns, sen circunflexas induccións de especialista demoscópico, o que opinan sobre os xuíces, ao igual que se fai cos políticos, a cotío identificados como terceiro problema do país na periódica consulta sociolóxica.

Pero alén disto, hai algo máis profundo. Tan mesta maraña de eivas e deficiencias está a afectar á valoración última da función xudicial. Hoxe, nunha sociedade por fortuna plural como a nosa, non hai unha idea única e homoxénea do que sexa a rectitude nas pautas do comportamento, e o xuíz ten que se sobrepor a esta situación, tirando da súa máxima dose de racionalidade xurídica; porén, non pode prescindir da súa intelixencia emocional, nin sequera das súas conviccións persoais; é imposible e se cadra é inconveniente. Podería unha mala persoa ser un bo xuíz? Emporiso o dereito procesual non debe ser un corpiño ríxido que impida nutrir a racionalidade xudicial coa dose suficiente de emoción intelixente.

Ante o que está a pasar co xuíz Garzón, eu doulle voltas a esta aparente cadratura do círculo. E humildemente suxiro e me suxiro prudencia. Hai moitos excesos emocionais en forma de petición de “sentenzas exemplares” ou de airadas reclamacións de “cadea perpetua”; mais hai tamén exemplos de perigosas empatías xudiciais, ás veces mesmo relixiosas e, outras, políticas do peor adoutrinamento, así como rexeitables xenreiras, compasións e sentimentalismos que deberían estar ausentes da función xudicial.

Este artigo, se cadra frustrado, non require de conclusións e dende logo non as pretende. Petulancia sería intentalo. Trátase tan só de indicar respecto á función máis difícil do home: xulgar os seus semellantes. Por algo dicía Camus que el non podería ser xuiz, porque era dado a comprender e “comprendendo, non se pode xulgar”.