You are hereEgunkaria

Egunkaria


SOBRE A SENTENZA

"O peche temporal dun medio de comunicación impreso é de dificil encaixe no noso ordenamento xurídico”. Mais Euskadulnon Egunkaria foi pechado por decisión do Xulgado de Instrución nº 5 da Audiencia Nacional. Eran os tempos do Pacto polas Liberdades e contra o Terrorismo do PP e do PSOE e daquela un diario podía ser pechado aínda que se soubese, “tras da proba praticada na vista oral, que non se imputaba a comisión de delito ningún nas tarefas de opinión e de información no meio”.

Mesmo así, a Garda Civil baixo o comando do sinistro ministro do Interior da época, Mayor Oreja, achegou documentos, cartas e supostos peritos cos que tentar demostrar que Euskaldunon Egunkaria era, non podía ser doutro xeito, un instrumento de ETA.

Naqueles anos de chumbo, os directivos de Egunkaria foron encarcerados por escribiren en euskera e por defenderen a cultura vasca: “parte a acusación de que fomentar a lingua e a cultura vasca fai parte da estratexia de ETA, porque ETA persegue tamén o afortalamento da lingua e da cultura vasca e, xa que logo, dase por suposto que ETA tivo que intervir na xestación de Egunkaria”.

Aínda ben que, dez anos despois, a sentenza exculpe os acusados declarando que “obviamente, os que falan e escriben en euskera ou os que conservan e fomentan a cultura vasca non son, por iso, de ETA”. Mais, contodo, acaso non segue a haber na ollada nun poder xudicial que se resiste a recoñecer a plena oficialidade do galego, do vasco e do catalán un ar de sospeita permanente cara estas linguas? Ou é que a identificación entre euskera e ETA, entre nacionalismo e ETA ou, máis en xeral, entre pensamento crítico e terrorismo non bebe na ideoloxía totalitaria infundida desde certos meios madrileños afíns ao PP?

A sentenza recoñece tamén que os procesados foron maltratados e torturados durante a súa detención por máis que, sorprendentemente olle para outro lado ao estimar que “o tribunal non pode chegar a conclusións penalmente relevantes salvo constatar que non houbo un control xudicial suficiente sobre as condicións da incomunicación”.

O tribunal non ousa cuestionar a doutrina oficial: en España non se tortura. Tanto ten o que digan os forenses, o que denuncien os informes de Amnistía Internacional ou que a Comisión de Dereitos Humanos da ONU testemuñe, ano tras ano, a triste realidade das comisarías e centros de detención españois e dos indultos e condecoracións concedidos aos escasos condenados por estes delitos.

A sentenza, aínda que serodia, reestablece a xustiza no caso concreto de Egunkaria abrindo a porta a reclamar as correspondentes indemnizacións. Mais evita recomendar as mudanzas imprescindíbeis para que casos coma este non se volvan repetir.

O mesmo que Garzón pretendeu perseguir os crimes do franquismo sen cuestionar a Lei de Amnistía a sentenza de Egunkaria evita coidadosamente ir á razón última de que casos coma este se produzan e se poidan repetir no Estado español.

A realidade é que o Goberno do PSOE non derrogou nin unha só das lei liberticidas de Aznar. Ben ao contrario. Mais se eles non o fan, digámolo nós: para cando a derrogación da lexislación e dos tribunais de excepción, a comezar pola propia Audiencia Nacional?