You are hereOs signos relixiosos nas aulas

Os signos relixiosos nas aulas


O CASO DO INSTITUTO DE POZUELO DE ALARCÓN

O diálogo debe vencer á demagoxia. Esta é a base sobre a que debería asentarse calquera consideración sobre a presenza ostensible de signos relixiosos nas aulas. Por encima de todo, está o dereito á educación dos alumnos e tamén a necesidade de compartir un mesmo espazo sen que se teña que chegar a situacións tan desagradables como a que tivo lugar estes días no instituto Camilo José Cela de Pozuelo de Alarcón. A historia é a de sempre: unha rapaza de confesión musulmá decide ir a clase tocada co hiyab; as normas do centro impiden “calquera peza que cubra a cabeza” e, en consecuencia, ante a negativa da moza, exclúena das clases a menos que ceda na súa intención. Neste caso, ademais, algunhas das súas compañeiras acoden ao centro, en solidariedade con ela, tamén con veo.

A demagoxia consiste en converter nun problema de transcendencia mediática e social algo que non debería ir máis aló dunha circunstancia concreta que, tratada con respecto e diálogo, seguro que tería canles de solución civilizada.

A reacción das autoridades académicas madrileñas, e tamén da presidenta da Comunidade, no sentido de escudarse na autonomía do centro e de reafirmar a súa oposición xenérica ao veo, parecen fóra de lugar. De xeito especial porque evaden unha solución tallante e global: argumentan que Najwa, a protagonista da historia, non queda sen educación porque pode acceder a outro instituto onde si permiten o hiyab. E tamén porque eluden un debate que cada día é máis necesario. A decisión do consello escolar do instituto de manter a prohibición tampouco axuda a resolver o problema.

Francia prohibiu hai seis anos o veo na escola, pero fíxoo logo de pór sobre a mesa moitos argumentos. A lei que prohibe o seu uso nas escolas públicas, tamén inclúe portar símbolos doutras relixións como crucifixos. O Estado argumenta que o veo nas nenas as autodiscrimina e contribúe a forxar a mentalidade de gueto. Pódese estar a favor ou en contra, pero trátase dunha lei que afecta a todos.

No noso país, a solución non ten por que ser a mesma, pero conviría que os lexisladores, tarde ou cedo, se decidisen por unha norma xeral que, tras unha discusión razoada, evitase casos como o de Pozuelo, que se concretan en demagoxias que só perseguen a estigmatización, discursos de avestruz e innecesarias polémicas que non conducen senón á instauración de guetos.

O tema do veo para uns é unha mostra do sometemento forzoso da muller nunha cultura retrógrada. Para outros é unha manifestación libre e allea á fe de quen o exhibe. E ata hai quen o describe como unha vestimenta meramente social e totalmente desvinculado da relixión. Moitos e tan diversos son os significados do hiyab, o pedazo de tea polo que a adolescente Najwa Malha, sente tanto apego como para renunciar á súa escolarización.

Con todo, o asunto require sosego e diálogo para chegar a unha solución satisfactoria. En toda Europa se está a lexislar con respecto a este tipo de veos. Agora parece que a cuestión tamén chega a España.