You are hereAgravios e mais agravios

Agravios e mais agravios


OUTRA VOLTA O DEFENSOR

O artigo 78 do Estatut de Cataluña regulou o Síndic des Greuges, figura paralela ao Defensor del Pueblo ou o Valedor do Pobo galego, para protexer os dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución. O Estatut debuxou con prudencia as competencias desta institución parlamentaria e, sobre ditas bases, a Lei do Parlamento catalán do 23 de decembro de 2009, desenvolveu as súas previsións con parello coidado.

Porén, o Defensor del Pueblo presentou contra varios artigos desta lei catalá recurso de inconstitucionalidade, que vén de ser admitido a trámite polo desnortado Tribunal Constitucional que nos toca sufrir. A Lei establece que o Síndic controlará os excesos da Administración da Generalitat e dos entes locais e que deberá colaborar co Defensor no exercicio das súas funcións, que o Síndic poderá solicitar do Defensor a súa intervención para controlar a Administración do Estado en Cataluña, impulsando entre deles convenios para o efecto, así como formular suxestións de carácter xeral ou mesmo modificacións lexislativas.

Estas disposicións no pasan de seren meras incitacións á colaboración para un máis eficaz control de condutas administrativas impropias, sexan da Administración que sexa. Porén, o Defensor del Pueblo reaccionou de forma radical, atribuíndose discutíbeis competencias exclusivas de carácter formal e rexeitando calquera control autonómico sobre os entes locais cataláns; considerando, en definitiva, inconstitucional o espírito de colaboración propugnado pola Lei catalana.

A cuestión agrávase aínda máis, por dous factores: primeiro, porque esto que está a pasar coa Lei do Síndic vai pasar en fervenza con outras moitas leis de desenvolvemento do Estatut xa aprobadas e vixentes hoxe en día. E, segundo, porque outro dos artigos recorridos polo Defensor é aquel que atribúe ao Síndic des Greuges”a condición de “autoridade catalana” para a prevención da tortura e outros tratos inhumanos ou degradantes, de acordo co Protocolo da Convención de Naciones Unidas.

Que pretende o Defensor? Que as “autoridades catalanas” non existan? Ser el o único valedor dos humillados e ofendidos en todo o Estado? Non é esta una actitude excluínte e estúpida? Actitude inadmisíbel, porque con máis frecuencia da desexábel se están a producir episodios de presuntos maltratos e vexacións, por exemplo, nos cárceres galegos, sen que o noso Valedor poida intervir, por razóns puramente competenciais; e ao Defensor todo isto que pasa en Galicia quédalle lonxe.

Hai tamén aquí un tufo antiautonomista, de recentralización, que non augura un futuro de cordial entendemento no proceso de descentralización política pluralista. Un fedor ao que o Defensor del Pueblo parece querer colaborar entusiástica e procesualmente co seu inoportuno recurso de inconstitucionalidade. Unha tortura máis.