You are hereO uso do veo na escola

O uso do veo na escola


REFLEXIÓNS LAICAS

Xa pasaron varios días dende que comezou a polémica arredor do uso do veo islámico nas escolas públicas e, dende a sorpresa que me provoca a ausencia de reflexións laicas -a liña divisoria, neste caso, non debe situarse entre a esquerda e a dereita, senón entre a laicicidade e a confesionalidade-, arredor desa cuestión (aínda que podedes ler unha de moita actualidade, malia estar escrita o 22 de outubro de 2007, da filósofa Amelia Valcarcel en www.elpais.com/articulo/opinion/democracia/velo/tolerancia/elpporopi/200..., titulada La democracia, el velo y la tolerancia), escribo esta miña reflexión para soster que non debe permitirse o uso do veo nun espazo público. Razóns? Fundamentalmente dúas: a primeira, en tanto que prenda; a segunda, en tanto que símbolo.

Con respecto á primeira, aínda que alguén poida pensar que é retrógrado manter normas que obrigan a descubrirse a cabeza nos espazos pechados, o certo é que nos permiten coñecer o estado de ánimo do alumnado cando estamos na aula. Non se insiste, acotío, en que debemos ser nós -o profesorado- quen primeiro advirta os síntomas de malestar físico ou psicolóxico do alumnado? Malamente poderemos advertir eses síntomas se non lles vemos o rostro, ben porque o cobren coa capucha da suadeira, cunha gorra calada deica os ollos ou con calquera outra peza parecida.

Ademais, non deberiamos esquecer que o veo islámico é algo máis que unha peza de vestir; é un símbolo relixioso que ten claras connotacións sociais, pois como intelixentemente suxería a profesora Nazanin Amirian no artigo Guerra sobre el cuerpo de la mujer (dispoñible en www.rebelion.org/noticia.php?id=105102), "ninguén saberá dos traumas que sufrirá en silencio unha adolescente con veo ao quedar fóra da competición por conquistar o corazón dalgún mozo do instituto [...]. A súa vida sentimental reducirase a coincidir cun musulmán -condición de cumprimento imprescindible do seu futuro home-, ou nun matrimonio arranxado polos seus pais". Esa é a liberdade que entoamos para defender que cadaquén elixa o seu atuendo persoal? Esa liberdade non a quero.

Efectivamente, o Estado ten que garantir as liberdades individuais, pero precisamente para garantir a liberdade debe, en primeiro lugar, manter os espazos públicos libres de símbolos sectarios (incluídos en primeiro lugar os relixiosos), en canto provocan evidentes situacións discriminatoris e de marxinación; e, en segundo lugar, manter a súa independencia fronte a calquera confesión, que deben permanecer no ámbito do privado como garantía de que o Estado nunca se subordinará aos seus ditados. Neste sentido, como dicía Amelia Valcarcel, a liberdade nunca pode ser o fundamento para o retorno a unha situación que houbo que superar co fin de construír un espazo democrático para liberdade.

En definitiva, se a defensa da liberdade é o noso obxectivo, sexamos coherentes: loitemos pola laicización dos espazos públicos e pola igualdade social e económica, verdadeiros fundamentos da liberdade.