You are hereXenocidio galego

Xenocidio galego


MAIS DE 5.000 VÍTIMAS IDENTIFICADAS

Existe un certo consenso por parte dos historiadores en definir a estarrecedora represión da ditadura franquista que sofreu Galicia coma xenocidio, derivado dun exterminio selectivo. Coido que cómpre non lle ter medo ás palabras: cando se utilizan con precisión. Hoxendía o inventario de mortos e desaparecidos xa sobrepasa ás 5.000 vítimas (con nomes e apelidos). Na nosa terra como é ben coñecido non houbo fronte de guerra senón asasinatos arreo nunha persecución planificada, un exterminio polo miúdo contra os sectores progresistas da sociedade galega ata eliminalos ao través do que cínicamente chamaban “paseos”: “dárlle o paseo” ou “ir ás claudias” (na expresión de Ourense da que me falou o poeta José Ángel Valente). A ringleira de asasinados é abraiante: Xaime Quintanilla, Xohán Carballeira, Camilo Díaz Baliño, Alexandre Bóveda, Vítor Casas, Luis Huici, Francisco Miguel, Jacinto Santiago e R. Blanco Torres entre outros. A carón destes artistas, xornalistas, escritores están o colectivo de mestres (un dos máis afectados) e moitos traballadores de distintos sectores.

O avogado vigués Gustavo García está a loitar pola dignidade das vítimas. Traballa arreo en colaboración con familiares dos represaliados e asociacións da memoria histórica. Na súa viaxe a Bos Aires atopou gran solidariedade de moitos ámbitos sociais: as Avoas da Praza de Maio e Pérez Esquivel apoiaron a querela. Unha sensibilidade social que mantén lembranza da ditadura militar na Arxentina (con todo o seu tráxico ronsel de mortos e desaparecidos). O labor eiquí nestes anos foi decisivo: esculcas de historiadores, mapas das fosas, voluntarios a recuperar osos ciscados por moitos lugares da nosa xeografía. “As vítimas, os nomes, os lugares, as voces”. Os traballos de Dionisio Pereira, Lourenzo F. Prieto e Bernardo Máiz entre outros. As obras de Carlos Fernández. O labor de Díaz Pardo con Ediciós do Castro. Entre os documentos que expresan unha doente memoria persoal está o lendario “Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda” (que se vendía baixo corda no franquismo) ou o “Diario” de Syra Alonso, a viúva do pintor Francisco Miguel, e o libro do meu pai: “Memoria de ferro”. Un libro do que dixo Manuel Rivas: “É un retablo: un peto de ánimas. Ten vida: treme nas mans”. Trátase dun libro que treme nas mans porque está escrito cos “retallos do medo” coma íl definía á longa noite do liberticidio. Aquel terrible tempo do poemario “Cunetas” de Luis Pimentel. O poeta abandonou os domingos redondos (dos que gostaba na súa cidade) ateigados dunha plenitude intemporal: cara axexar no cerne do odio. En Galicia non houbo guerra: existiu un xenocidio. Cando se fala destas cuestións existe unha resposta prefabricada: ambos bandos cometeron crimes. Non serve esa resposta para o noso país. Tampouco serve unha falsa equidistancia moral: non tiñan as dúas partes a mesma lexitimidade. Uns loitaron pola liberdade e a democracia, outros pola ditadura que prolongou a súa hexemonía ideolóxica: e que mesmo sobrevive como “franquismo sociolóxico” (ou se prefiren ”franquismo psicolóxico”) en moitos sectores.