You are hereOs intócáveis

Os intócáveis


Casa real, igrexas e gastos militares

O pasado mércores Zapatero anunciou as medidas que vai adoitar o goberno para recortar o déficit público. Coas medidas anunciadas pretende aforrar 15.000 millóns de euros adicionais, entre os anos 2010 e 2011. Por certo, lembrades cando fai moi poucos días Zapatero dicía que no estado español non ía pasar nada parecido ao de Grecia? Afirmaba: “Hai que atender aos datos, non aos rumores”. Mentiu, evidentemente.

Despois de repasar o discurso e de ler a noticia en diversos xornais, non atopo por ningún lado recortes nos orzamentos da Casa Real, na Igrexa ou nos gastos militares. Son intocables.

Curiosamente, o mesmo día que Zapatero anunciou uns recortes socias sen precedentes, o Principe Felipe viaxou no seu avión privado a Alemaña, para ver a final da Copa de Europea (antes copa da UEFA), na que xogaba o Atlético de Madrid.

E cal é o orzamento da Casa Real?. Para este ano 2010, é de 889.692.000 euros. Instaurar a III República supón un bo aforro para o Estado, sen lugar a dúbidas. Para o que fan estes.

E cal é a aportación do estado á Igrexa?. Pois, no ano 2008, superou os 5.000 millóns de euros. Aínda que a Igrexa dixo que só percibia 150 millóns da achega que fan os que  marcan a casiña da Igrexa na declaración do IRPF. Ademais, só por estar exenta de pagar impostos, o Estado afórralle máis de 750 millóns de euros.

E cales son os gastos militares?. Se só sumamos os gastos militares no senso máis estrito, e dicir, os que están relacionados claramente coas Forzas Armadas, o gasto é de 18.160´89 millóns de euros.

Os orzamentos xerais do Estado para este ano 2010 ascenden a 185.249 millóns de euros. Botade contas canto nos supón os gastos destas tres “institucións”.

E onde vai recortar gastos o goberno do Estado?:

INVESTIMENTO PÚBLICO
- Reducirá en 6.045 millóns de euros o investimento público entre 2010 e 2011

SOLDOS FUNCIONARIOS
- Reducirá unha media do 5 por cento os soldos dos funcionarios en 2010 e conxelaraos en 2011.
- Reducirá nun 15 por cento o soldo do Goberno.

GASTO SOCIAL
- Suspenderá a subida das pensións en 2011, excepto as non contributivas e pensións mínimas.
- Eliminará o réxime transitorio para a xubilación parcial
- Eliminará o cheque bebé (2.500 euros por nacemento) a partir de xaneiro de 2011
- Eliminará a retroactividade de pago de prestacións por dependencia.
- Reducirá gastos de farmacia: revisión prezo medicamentos, adecuación das unidades dos envases ao tratamento, dispensar medicamentos en unidosis.
- Reducir en 600 millóns de euros a Axuda Oficial ao Desenvolvemento entre 2010 e 2011.

COMUNIDADES AUTÓNOMAS

- Prevé aforro adicional de 1.200 millóns de euros de Comunidades Autónomas e Entidades Locais.

Que vai supor?. Pois tendo en conta que, o sector público sempre se usa como base para a negociación colectiva na empresa privada, vai darlle argumentos a patronal para recortar os salarios. Ademais, se lle engadimos que en xullo sobe o IVA –falarei disto noutro artigo-, unido a baixada de salarios, suporá un recorte no consumo e polo tanto, máis recesión e crise.

Outra conclusión que eu saco das medidas anunciadas por Zapatero, é que quen realmente goberna, son os mercados e o poder real, que é a Banca. E Zapatero segue os seus ditados sen rechistar. Tamén hai que dicir que, aínda que o PP agora pon o grito no ceo, faría exactamente o mesmo. As criticas do PP só van servir para desgastar máis ao goberno e permitir o xogo que lle interesa ao sistema, a alternancia no goberno das dúas caras da mesma moeda. As súas marionetas.