You are hereO Tzahal máis ético asina un novo masacre

O Tzahal máis ético asina un novo masacre


Shatila, Jenin, Qana ou o ‘Mavi Marmara’...

O Tzahal ou IDF, os dous nomes cos que se coñece o Exército de Israel, naceu dun grupo paramilitar formado por xudeus emigrados a Palestina en 1920, o Haganagh, do que se escindiu unha facción terrorista, o Irgún, unha década despois. Este grupo armado liderou sabotaxes contra os británicos, atacou as milicias palestinas e introduciu centos de armas no país. En xullo de 1945 perpetrou a matanza do Hotel Rei David de Xerusalén, sede do Goberno británico, onde morreron 91 persoas. Londres decidiu avogar pola partición e acelerar a saída de Palestina.

Haganagh e Irgún, integráronse no Tzahal en maio de 1948, despois da guerra de independencia israelí.

En tres décadas, o IDF forxou o mito da invencibilidade a través de catro guerras, ducias de operacións de comandos e milleiros de mortos polo medio. A principios dos 80 a braña do Líbano mudou a sona de guerreiros invecíbeis pola de brutais combatentes. En 2006 a segunda guerra do Líbano acabou con ese mito da invencibilidade. Hai apenas seis días, a matanza do Mavi Marmara volvou lembrar que o IDF, que se gaba de ser “o exército máis ético do mundo”, xa non ten reparos en abrir fogo contra civís, sexan palestinos, libaneses ou internacionais. Hai vinte anos, nos campos de refuxiados palestinos, os civís eran terroristas. Este luns os activistas tiñan “vencellos” con terrorismo.

Ariel Sharon, dende 2006 en estado vexetativo nun hospital de Tel Aviv, era ministro de Defensa o 14 de setembro de 1982, cando o líder dos cristiás libaneses e aliado de Israel, Bashir Gemayel, foi asasinado nun atentado en Beirut. Un día despois as tropas israelís ocuparon o oeste da cidade, arrodearon os campos de refuxiados palestinos de Shabra e Shatila, e convidaron ás falanxes cristiáns a capturar aos milicianos da OLP aos que Israel consideraba responsábeis da morte de Gemayel. As cifras da matanza abalan entre as 1.200 e as 1.400 persoas. Dende o perímetro do campo os israelís alumeaban con bengalas as estreitas rúas do campo. “Antes disto houbo matanzas no Líbano”, asegura o veterán xornalista británico Robert Fisk no seu libro Pity the nation, “pero nunca desta magnitude e sobre todo nunca supervisadas por un exército regular e supostamente disciplinado”. Sharon foi considerado responsábel “indirecto” do masacre.

En plena segunda intifada, entre o día 3 e o 13 de abril de 2002, o Tzahal pechou o campo de refuxiados de Jenin, en Cisxordania, a xornalistas e arrasouno. A ONU quixo abrir unha investigación que o Goberno de Sharon evitou. Un grupo de doce activistas de dereitos humanos de cinco países diferentes tomaron o testigo e conduciron unha investigación coñecida coma o Jenin Inquiry. O número de vítimas daquela masacre roldou as setenta persoas, entre elas homes, mulleres, nenos e discapacitados físicos e psíquicos. O IDF disparou mísiles dende helicópteros, empregou francotiradores, executou sumariamente a palestinos que non estaban implicados coa resistencia armada bombardeou as casas artillería e utilizou xigantescos bulldozer para esborrallar as casas alí onde os tanques non podían ser empregados. O relatorio recolle unha entrevista publicada polo xornal israelí Yehidot Aharonot na que o condutor dun Caterpillar, explica o seu proceder aos mandos da escavadora: “Durante tres días destruín e destruín, non me importaban nada os palestinos e só quería esborrallalo todo sen que houbese unha razón. Todo estaba baixo ordes. Había moita xente nas casas que comezamos a derrubar e estou seguro que houbo quen morreu dentro delas. Paseino moi ben, deixeino todo despexado, coma un campo de fútbol, para que puidesen xogar. Ese foi o noso regalo para o campo”, concluía

Qana no, sur do Líbano, foi o escenario de dúas matanzas israelís. En 1996, durante a operación de castigo ás milicias de Hezbolá Uvas da Ira, un libro do Deuteronomio cheo de ira bíblica e promesas de vinganza divina. Coma na matanza do Mavi Marmara, Edhud Barak era tamén ministro de Defensa. O 18 de abril a artillería hebrea bombardea o cuartel da ONU no que se refuxian 400 civís. Son masacrados máis de cen. Israel aduciu que Hezbolá disparaba dende aquela posición. Unha investigación do diario The Independent probou que un avión israelí fotografara o campamento antes do bombardeo. Dez anos despois, durante a segunda guerra do Líbano, a aviación hebrea bombardeou un bloque de apartamentos nesta mesma cidade. Morreron 27 persoas. Máis da metade non cumpriran aínda 18 anos.

Tras a operación Chumbo Fundido, que deixou en 2009 máis de 1.400 mortos en Gaza, o mando do IDF retrucou ante os crimes de guerra detallados polo informe Goldstone que o israelí é o Exército máis ético do mundo, cun código que garante o comportamento moral dos seus mandos e tropas. Un deses imperativos militares asegura que o “soldado non fará uso da súa forza ou da súa arma para ferir a seres humanos que non son soldados”. A cuestión xa non é se a aserción do mando militar israelí de que cumpre ese código é críbel, senón se pode ser un substituto para as conciencias dos propios israelís.