You are hereÉ viaxar un delito

É viaxar un delito


O GRANDE IRMAO NOS AEROPORTOS

É viaxar en avión un delito? O feito de que un cidadán teña un billete dunha aerolíña convérteo, de seguido, nun perigoso criminal que debe de ser desposuído dos seus dereitos fundamentais?. Estas son as cuestións que diariamente deben ser obxecto de reflexión de millares de persoas que pasan polos aeroportos do moi democrático Reino de España.

Seguramente todos e todas nós fomos protagonistas, máis dunha vez, da seguinte escena: despois de estar varios minutos agardando fileira para acceder á zona de embarque, atopámonos na entrada cun vixiante de seguranza que nos ordena que depositemos os nosos obxectos metálicos (reloxo, pulseiras, chaves, moedas…) nunha bandexa xunto coas chaquetas, abrigos, bufandas e demais roupa de “evidente perigosidade” que poidamos portar. Así mesmo, no caso das mulleres, será probábel que a devandita orde sexa extensíbel ao noso calzado, pois semella que unhas botas con cuña ou unhas sandalias de tacón implican un grave risco para a indemnidade dos pasaxeiros e da tripulación dun avión -por certo, fronte ao ‘calzado masculino’-. Unha vez desposuídos de parte das nosas prendas e obxectos persoais, somos cominados a pasar por baixo dun arco de detección de metais, podendo sermos sometidos, a continuación, a un cacheo a maos do persoal de seguranza privada contratado no aeroporto, de xeito arbitrario e con independencia de que saltase ou non a alarma do tal arco detector.
Perante un contexto como o exposto, as máis e os máis cinéfilos evocamos escenas coñecidas de filmes como “A Fuga de Alcatraz”, “Papillón” ou “Brubaker”, e é que a entrada na zona de embarque dun aeroporto é equipárabel, nesta orde de cousas e nos últimos tempos, ao ingreso no cárcere que protagonizaron os grandes Clint Eastwood, Dustin Hoffman e Robert Redford. Eles, ao igual que os viaxeiros, víanse sometidos a minuciosos rexistros polo persoal das penitenciarías, xa que eran considerados como perigosos criminais. Mais no caso dos pasaxeiros a criminalidade non é unha certeza senón unha hipótese, unha presunción que, no entanto, dá lugar a unha intervención desproporcionada sobre as e os usuarios dos aeroportos, violándose parte dos nosos dereitos por parte do servizo de seguranza privada. Continuando co símil cinematográfico: son os vixiantes privados unha sorte de alcaides todopoderosos destes peculiares cárceres momentáneos nos que se teñen transformado os aeroportos, máxime após o traxicamente famoso 11-S?.
Nas seguintes liñas exporemos cal é a regulamentación actual que fai o ordenamento xurídico da seguranza na aviación civil e cal é o papel atribuído na mesma á vixilancia privada.

A competencia en materia de custodia de aeroportos

Segundo o art. 12.1.b) da Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo de Forzas e Corpos de Seguranza, é a Garda Civil quen ten atribuída a competencia en materia de custodia de aeroportos.
A aparición da vixilancia privada ten lugar a finais da década dos noventa. O 29 de xuño de 1999 o Ministerio do Interior asinou un Convenio en materia de seguranza aeroportuaria co Ente Público Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA) que na súa estipulación cuarta crea o Departamento de Seguranza de AENA, integrado por vixiantes privados, e ao que, textualmente, se lle atribúen as seguintes funcións:
“O mencionado persoal, que dependerá do Departamento de Seguranza de AENA, prestará a debida colaboración e apoio aos membros de las Forzas y Corpos de Seguranza do Estado, cando sexan requiridos para iso, no exercicio das competencias que lles son propias.”
Xa que logo, a entrada dos gardas privados nos aeroportos prodúcese en calidade de auxiliares da Garda Civil, única competente neste eido, e non como substitutos da mesma.

Facultades e atribucións dos vixiantes de seguranza
A regulación básica do exercicio de actividades propias da vixilancia privada está recollida na Lei 23/1992, de 30 de xullo de Seguranza Privada. No art. 11 deste texto legal recollense as funcións atribuídas a este persoal, entre as que non figuran nin os cacheos, nin os rexistros nin a retención da documentación, por incidiren estas actuacións sobre dereitos fundamentais dos cidadáns. Así o propio Convenio de 1999 entre o Ministerio do Interior e AENA dispón no seu ponto 5º:
“Cando na prestación do servizo, o persoal de seguranza privada deba practicar algunha actuación que incida en el ámbito do exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns, ou requira algún tipo de actuación para a que no sexa competente, aquel dará conta inmediata ás Forzas e Corpos de Seguranza do Estado, con competencia específica na materia, para que sexan estas quen practique as actuacións oportunas.”
Así, pois, conforme á Lei Orgánica (LO) 2/1986 e a LO 1/1992 sobre Protección da Seguranza Cidadá, as medidas que impliquen unha intervención sobre os dereitos fundamentais deben ser levadas a cabo por axentes da autoridade, condición que non posúen os vixiantes de seguranza, tal e como ten ditaminado o TS en numerosas sentenzas. Os únicos habilitados polo ordenamento xurídico para realizaren inspeccións materiais ou corporais son os membros das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado español, sendo a Garda Civil o corpo competente para levar a cabo estas actuacións nos aeroportos, do mesmo xeito que é o devandito instituto armado quen ten a potestade de limitar o acceso a zona de embarque mediante a retención da documentación identificativa dos pasaxeiros.
Así as cousas, todo pasaxeiro pode negarse a ser inspeccionado corporalmente por un garda privado, ao igual que pode rexeitar calquera orde relativa a abrir a súa equipaxe ou contrariar a orde de ficar detido en determinada zona do aeroporto mediante a retención do seu documento de identidade ou do seu pasaporte; pois tal e como vimos de sinalar, este persoal non dispón de maiores facultades para incidir na nosa intimidade material ou corporal, ou na nosa liberdade ambulatoria, das que poida ter calquera outro cidadán. ¿Permitiríamos que un suxeito que nos atopamos pola rúa nos cachease e abrise o noso bolso ou a nosa maleta?. Decerto que ante esta situación reclamariamos de xeito inmediato a presenza da policía, alén de recriminar contundentemente esta conduta, que identificaríamos claramente como lesiva para os nosos dereitos. Pois ben, ¿por qué nos aeroportos consentimos que un individuo viole a nosa privacidade material e corporal, sen solicitar a comparecencia da autoridade pertinente?
O problema estriba en que a maioría dos pasaxeiros -e da cidadanía en xeral, recoñezámolo-, descoñecen cales son os seus dereitos e en que medida poden estar a ser estes limitados. A maiores aquelas persoas conscientes das súas facultades en canto que cidadáns dun estado autoproclamado de Dereito, atópanse ante unha difícil dicotomía: exercer o seu dereito a negarse a ser inspeccionados por un vixiante privado coa conseguinte perda do seu voo, ou claudicaren neste empeño, de defensa de dereitos básicos, cedendo as súas liberdades en favor do actual sistema de hiper-control, mais podendo realizar a viaxe previamente pagada.

AENA: un  segundo lexislador?
É obvio que as medidas excesivas e abusivas de control, levadas a cabo polos vixiantes de seguranza nos aeroportos, non son aplicadas polo mero capricho destes últimos, senón que responden a directrices que emanan de instancias superiores.
O Regulamento CE 2320/2002 do 16 de decembro relativo á seguranza da aviación civil prevía a realización de controles aleatorios de pasaxeiros e equipaxes, esta norma foi derrogada polo Regulamento CEE 300/2008. Porén, AENA continúa a aplicar estas medidas, que carecen de amparo lexislativo algún.
Do mesmo xeito, a práctica habitual consistente en ordenar aos pasaxeiros que se descalcen antes de pasar polos arcos detectores carece  de base legal, xa que non existe ningunha norma que recolla esta medida de controle.
Por outra banda, os protocolos deste ente público en materia de seguranza caracterízanse por un absoluto obscurantismo xa que non se atopa publicada en ningures.
O Regulamento CEE 272/2009, que completa o xa mencionado Regulamento 300/2008, indica, no seu Anexo A.1, que os métodos destinados a garantir a seguranza nos voos comerciais son: os detectores de metais (tanto arcos como dispositivos de uso manual) e as equipas de detección de explosivos) . Atendendo á especial sensibilidade do ámbito en que inciden estes mecanismos preventivos, isto é, os dereitos fundamentais, deberían prevalecer uns principios de intervención mínima e de proporcionalidade, de forma que o rexistro e o cacheo só deberían efectuarse sobre aqueles pasaxeiros que despois de pasaren polos arcos detectores fixesen saltar as alarmas. En todo caso todas estas intervencións deberán ser levadas a cabo por aqueles corpos e profisionais cuxo salario contempla, entre outras, esta función, nomeadamente a Garda Civil.