You are hereAcatar achantando-se

Acatar achantando-se


UNHA SENTENZA

A sentenza do Tribunal Constitucional é unha sentenza “trufada”, esto é embutida de inxerencias distintas das confesadas. Case todas as análises efctuadas até agora poñen o acento en que o Tribunal somente declara inconstitucionais 14 artigos, dos 114 recorridos polo Partido Popular, ou por mellor dicir determinados apartados ou incisos deses 14 artigos. Isto é certo, como tamén o é que a declaración de inconstitucionalidade limítase materialmente a catro ou cinco temas: Consello de Xustiza de Cataluña (seis artigos), Síndic des Greuges (un artigo), Consello de Garantías estatutarias (un artigo), lingua (un artigo), competencias compartidas co Estado (tres artigos), tributos locais (un artigo), e recursos financeiros (un artigo), todo iso sen esquecer a minoración da nación catalana a mera nación retórica.

Porén, esta concreción material non agocha que esas materias son dunha importante “densidade” institucional e identitaria, que é o que solivianta en cataluña actitudes rebeldes ou hostís, como as que ten menifestado o Goberno tripartito.

O Tribunal Constitucional foi particularmente inflexibel no recoñecemento nacional de Cataluña e nas materias da lingua e de Administración de Xustiza.

Nulo valor xurídico

Ao existir sentenzas do propio Tribunal que constatan o nulo valor xurídico dos preámbulos, que xa que logo non son susceptíbeis de ser declarados inconstitucionais, resulta supérfluo manifestar expresamente, como se fai, a “carencia de eficacia xurídica interpretativa” das referencias do Preámbulo a Cataluña como nación e á realidade nacional de Cataluña. O valor interpretativo das Exposicións de Motivos das normas hai tempo que é discutido na filosofía do Dereito.

No que fai á lingua, a inflexibilidade é semellante, xa que non se recoñece ao catalán como “lingua preferente” das Administracións e medios de comunicación públicos de Cataluña, como se de tal predilección ou inclinación estatutaria, allea ao ámbito privado, se puidese deducir virtualidade constrictiva de uso do catalán ou discriminación da outra lingua cooficial.

E, no caso da Xustiza, o Tribunal valora limitativamente o principio básico da unidade xurisdiccional da organización e funcionamento do Poder Xudicial (artigo 117 CE) e ampliatoriamente a forza das leis orgánicas fronte ás disposicións estatutarias, contravindo consolidada xurisprudenza propia que expresa a invulnerabilidade dos Estatutos de Autonomia polas outras leis orgánicas (ordinarias) do Estado. Era esperábel non confundir os aspectos administrativos e propiamente xurisdiccionais e dende logo maior sensibilidade, xurídica e política, para un criterio estatutario como o catalán, meramente desconcentrador, que permitise a viabilidade de Consellos Autonómicos de Xustiza con competencias reais, que actuasen en colaboración co estatal Consello Xeral do Poder Xudicial e non como simples “órganos” delegados, informativos ou de elaboración dunha memoria anual prácticamente intrascendente.

En materia de Administración local, a sentenza non formula reparo ningún de inconstitucionalidade ao criterio de “internalización” autonómica dos entes locais, que se deriva do artigo 2 do Estatut, cando di que tales entes “tamén integran o sistema institucional da Generalitat”, limitandose o fallo, eso si, a lle negar a Cataluña capacidade lexislativa para establecer e regular os tributos propios dos gobernos locais.

Menor relevancia e cargazón institucional ten, dende o meu punto de vista, o pronunciamento de inconstitucionalidade a respecto da previsión estatutaria de que o Síndic des Greuges supervise “en exclusiva” a actividade da Administración da Generalitat. E concordo co Tribunal na inconveniencia de dar carácter vinculante ao ditame do Consello de Garantías Estatutarias sobre os proxectos e proposicións de lei que afecten a dereitos fundamentais. Nun sistema como o noso a potestade lexislativa do Parlamento non debe ser condicionada.

Ámbitos competenciais

É certo tamén que hai na sentenza un horror confeso ás competencias compartidas ou, por mellor dicir, ás técnicas que deseña o Estatut para delimitar os respectivos ámbitos competenciais. En síntese, o Tribunal considera inconstitucional que, ante unha competencia compartida pola comunidade autónoma e o Estado, corresponda aquela a potestade lexislativa e regulamentaria e a función executiva “no marco das bases que fixe o Estado como principios ou mínimo común normativo en normas con rango de lei”. Na miña opinión, esta censura que fai o Tribunal é cando menos discutíbel. Hai que ter en conta, por unha parte, que a maior parte das competencias estatutarias das comunidades autónomas ten natureza de competencias compartidas ou concorrentes co Estado, o que aconsella clarificar de vez a cuestión para evitar problemas e conflitos e, por outra, que nalgunha ocasión o propio Tribunal Constitucional definiu como competencias compartidas os supostos en que corresponde ao Estado ditar as normas básicas e ás comunidades autónomas o seu desenvolvemento lexislativo (STC 61/1982, de 22 de febreiro). Cumpriría non caer en contradiccións.

En calquera caso, e isto é o que xustificaría o calificativo de sentenza “trufada” que encabeza estas liñas, é o feito da abusiva apelación do Tribunal Constitucional ao criterio interpretativo. Nada menos que 27 artigos do Estatuto quedan no limbo xurídico que supón estar “sometidos a interpretación”. O Tribunal Constitucional é o intérprete da Constitución e di que o establecido polo Estatuto neses 27 artigos non é inconstitucional de se interpretar “conforme á Constitución”, esto é, como él lexitimamente pensa e valora. Esta é a trufa importante da sentenza, que agora pasa desapercibida mais que vai dar moito xogo xurídico dialéctico nos tempos que agora comezan. Comunmente non se repara nisto, cegados moitos pola censura directa de catorce artigos e pola espectacularidade conflitiva do non recoñecemento xurídico-político da nación catalana e da preferencia da lingua autóctona no ámbito público. Pero aí está unha das claves xurídico-políticas da sentenza e do inmediato futuro político de Cataluña e España. E, se non, ao tempo.

Preguntas abertas

Procesos desta complexidade non se solucionan de súpeto. O Parlamento catalán dictou ducias de leis en desenvolvemento dun Estatuto aprobado polo pobo catalán en referendo. En que medida se pode amañar a posíbel discordancia co fallo do Constitucional? Que vai pasar cos posibeis dereitos adquiridos ao abeiro destas leis? Outras comunidades autónomas seguiron o camiño de Cataluña na reforma dos seus Estatutos: haberá, por exemplo, que eliminar as competencias dos Consellos Xudiciais Autonómicos nelas creados? Onde queda a responsabilidade do Estado lexislador? Por que non foi posíbel ditar unha sentenza clara e ao seu debido tempo?

Se algo está claro neste dilatado proceso é que o Tribunal Constitucional fixo, con tantas dilacións e artimañas procesuais, un fraco favor ao modelo xurídico-institucional que nos temos dado e contribuiu de forma eficaz ao desprestixio de si mesmo e, o que é peor, da xustiza constitucional e da solvencia democrática do sistema. Tempo haberá de volver sobre todo isto.