You are hereA querela

A querela


O EXERCÍCIO DA XURISDICIÓN UNIVERSAL

No medio dun intenso debate medial no que expertos, asociacións e diversas personalidades da cultura teñen discutido sobre a conveniencia ou non investigar os crimes cometidos durante a Guerra Civil española e a ditadura franquista, o pasado 14 de abril un grupo de xuristas e asociacións de dereitos humanos presentou unha querela en Arxentina para que os tribunais deste país abran a investigación dos crimes franquistas en virtude do exercicio da xurisdición universal.

O exercido da xurisdición universal por Arxentina

Agora que o estado español abandonou a senda da xurisdición universal despois da modificación do artigo 23.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que limita e case elimina esta competencia do noso ordenamento xurídico, Arxentina toma a testemuña ante a impunidade alarmante dos crimes franquistas en virtude da competencia universal que lle infire a súa Constitución. Do mesmo xeito que a xustiza española exercitou a competencia universal en Arxentina, entendendo que os crimes que alí se cometeran transcendían das competencias xurisdicionais exclusivas arxentinas por afectaren á humanidade no seu conxunto, agora desde Arxentina búscase loitar contra a impunidade existente no estado español durante máis de setenta anos.

Que exista ou non en España unha lei de amnistía ou de punto final, ou que poida ser discutible a posibilidade de cualificar como crimes contra a humanidade os crimes do franquismo (unha discusión a día de hoxe aberta entre a doutrina penalista e internacionalista), isto non impide o exercicio da xurisdición universal por parte de terceiros estados. Pola contra, o establecemento de leis de amnistía é un factor claro de impunidade que obriga os estados competentes a exercer a xurisdición universal do mesmo xeito que non é obxecto de discusión que a xurisdición universal exercida por terceiros estados é, e debe ser, allea a cualificación que dentro do propio estado se faga dos crimes cometidos e, así mesmo, das limitacións que este estado teña para poder xulgalos derivadas do seu ordenamento xurídico

Resultaría paradoxal criticar as investigacións que se pretenden levar a cabo en Arxentina en virtude do exercicio de xurisdición universal cando o estado español exerceu acertadamente esta xurisdición no seu momento. E foi un acerto non só porque os crimes contra a humanidade deben ser perseguidos sexa cal sexa o lugar de comisión ou autor do delito, senón porque as causas abertas en España tiveron outro efecto positivo que foi o de servir de revulsivo para que Arxentina modificase a súa lei e derrogase as súas Leis de Obediencia Debida e Punto Final que impedían a persecución penal e investigación das desaparicións forzadas cometidas dentro das súas fronteiras.

Aínda máis, criticar as causas abertas en Arxentina ven a confirmar os argumentos errados de quen pensa que España si ten autoritas para xulgar os crimes contra a humanidade cometidos nunha ex colonia, pero Arxentina carece desa potestade dunha ex metrópole. Ante esta argumentación que entende a xustiza universal como unha especie de “imperialismo universal”, non podemos máis que preguntarnos que lexitimou o estado español a investigar os 30.000 desaparecidos en Arxentina, cando en España estímase que hai máis de 150.000, máis que todos os desaparecidos en Sudamérica ostentando o triste record de ser o segundo país do mundo con máis desaparecidos despois de Camboxa, e que fai que Arxentina careza agora desta lexitimación.

Por esta razón é imprescindible a actuación de terceiros estados que “axuden” ó estado español nas súas limitacións internas para xulgar os crimes contra a humanidade cometidos, pois precisamente o principio de xurisdición universal ven a garantir a xustiza cando un estado non pode ou non quere perseguir os crimes cometidos dentro das súas fronteiras.

A necesidade do exercicio do principio de xurisdición universal

O estado español, que presume dunha transición modélica á democracia, decidiu que a estabilidade, o esquecemento e a amnesia colectiva debían primar sobre a xustiza. Decidiu que non era necesario encontrar os desaparecidos, reparar ás vítimas, coñecer a verdade do que ocorrera ou depurar responsabilidades de todos os que dunha ou outra forma participaron nos crimes da ditadura, non só militares, senón tamén ministros franquistas e incluso xuíces, que ditaron normas inxustas a sabendas da súa inxustiza, confundindo así a necesidade de paz e estabilidade tras unha dura ditadura cunha alternativa a verdade e a xustiza. Esqueceu así que o proceso de reconciliación nunca debe ser unha escusa para a impunidade dos crimes nin para a violación dos dereitos a verdade, xustiza e reparación das vítimas.

Moitos pensaron e aínda pensan que o camiño para a reconciliación é o paso do tempo, o silencio e o esquecemento. Que hai que aprender a ollar o presente e ó futuro e esquecer o pasado. Moitos aínda os que pensan que o inicio das investigacións non só é innecesario senón que é criminalizable. Pero os familiares, a pesar do tempo e os esforzos do estado de acalar as súas demandas, nunca puideron esquecer ás máis de 150.000 persoas desaparecidas. Non nos atopamos ante un asunto do pasado, algo que só ten que ser xulgado polo paso do tempo e os historiadores. Estamos ante vítimas reais, fosas reais, restos mortais reais de miles de desaparecidos cuxas familias non os esqueceron. Non hai, nin nunca haberá, esquecemento e perdón sen xustiza porque o tempo non cura as feridas producidas por crimes tan execrables e aldraxantes como son as desaparicións forzadas nun contexto de crime contra a humanidade.

 

Despois da inactividade durante anos da xustiza e o goberno español, ante as voces que seguen argumentando que a impunidade é a solución e o futuro o esquecemento, e tras o inicio do procesamento penal por prevaricación ó Xuíz Garzón por tratar de investigar os crimes franquistas, parece máis que necesaria esta querela presentada en Arxentina. Nunha situación de total impunidade, e tras a recente persecución penal e criminalización das investigacións que pechou definitivamente as portas a que ningún Xuíz no estado español queira, poida ou se atreva a perseguir os crimes franquistas, a querela en Arxentina é algo máis que un feito simbólico, máis que unha controversia pasaxeira: é unha esperanza de xustiza.

Se estas querelas en Arxentina tivesen éxito –ten sido recentemente rexeitada pero xa se presentou un recurso, estimándose que será revocada esta decisión- e levásese a cabo a apertura das investigacións, poderíanse esclarecer os feitos producidos e exhumar os cadáveres dos desaparecidos coas garantías que o procedemento ofrece para poder dar as familias por fin un digno adeus. Sendo optimistas, xa sería todo un éxito que estas querelas tivesen o mesmo efecto que tiveron no seu momento as querelas iniciadas en España pola comisión de crimes contra a humanidade en Arxentina: a asunción das súas responsabilidades por parte do estado español coa apertura das investigacións e a consciencia colectiva de que estes crimes non poden quedar impunes.