You are hereUnha decisión omnímoda e imotivada

Unha decisión omnímoda e imotivada


A SENTENZA SOBRE O ESTATUT

Os silencios de Rajoy e Feijóo

Pasan os días e a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut vaise envolvendo nunha mesta néboa de descoñecemento, dúbidas e forzado silencio. Coñécese o fallo, fraco e espido de argumentos xurídico-constitucionais e políticos, que se publicou o pasado día 28 de xuño. Mais non se pode comprender como os maxistrados do Tribunal Constitucional foron quen de, logo de catro anos de debates e disquisicións, dar a luz dous folios e medio nos que, como “mons parturiens”, transmitiron ao coñecemento público a súa decisión omnímoda e inmotivada.

As sentenzas deben seren motivadas e deben selo acompañando ao texto decisional os argumentos xurídicos que as avalan: a motivación non pode ser “a posteriori”, senón previa ou simultánea ao fallo, porque é xustamente a que pode garantir ante os destinatarios a ecuanimidade e xustiza do sentenciado. E destinatarios somos, neste caso, todos, non só os cidadáns de Cataluña. Divulgar o fallo sen dar a coñecer o sustento xurídico que o fundamenta só pode interpretarse, a máis de lixeiro, como un comportamento táctico: divulgar a sentenza aos poucos para evitar un xuízo frontal e inmediato; facilitar a asimilación da sentenza pola opinión pública e dar tempo aos partidos políticos para situarse ou resituarse, logo de aviada a pista de aterraxe do texto. Pero isto non é leal xurisdicción, senón xurisdicción polítizada, máis alá mesmo do que unha composición política como é a do Tribunal Constitucional fixese levadeira.

Ante esta situación, os politólogos e sobre todo os constitucionalistas andan a velas vir. Non se coñecen aínda os argumentos que avalarían a inconstitucionalidade do declarado tal nin moito menos o alcance da sentenza “interpretativa” de nada menos que 27 disposicións estatutarias. O propio Tribunal Constitucional ten declarado que as chamadas sentenzas interpretativas son, en mans do Tribunal, “un medio lícito, aínda que de moi delicado e dificil uso” (STC 5/1981, do 5 de abril) e que estas sentenzas deben evitar se converter en sentenzas “manipulativas”, esto é, sentenzas que levan a cabo un proceso de reaxuste dentro do texto legal que o proceso de inconstitucionalidade non permite (STC 116/1987, voto particular do señor Rubio Llorente). Estamos diante dun caso desta natureza? A verdade é que non o sabemos. Os fundamentos do fallo seguen inexplicablemente secuestrados e as especulacións dispáranse.

Á confusión provocada por esta irregular actuación do Tribunal Constitucional contribúen os silencios dalgúns políticos. O silencio de Rajoy resulta espectacular e o de Feijóo, vicarial e obediente. Se cadra, cando estas liñas se publiquen teñan xa falado. A min paréceme que están contentos pola sentenza e calan, sen dicir o que ansían dicir, porque pensan que así vailles mellor. Na máxima de Confucio, o silencio é un amigo que nunca traiciona.