You are hereEstatuto e leis orgánicas

Estatuto e leis orgánicas


A promesa de Rodriguez Zapatero ao presidente da Generalitat, José Montilla, de que “desenvolverá practicamente todo o Estatut sen ir alén das liñas marcadas polo Tribunal Constitucional” produciu en varios xornais madrileños unha airada reacción, con apelacións ao desacato ou á burla do mandato do Tribunal. Non teño intención de debater neses termos de política ríspida, xa que teño moi presente o valor do Dereito para resolver conflictos, en troques de agravalos. Por iso, de ser un camiño practicábel, paréceme positiva a intención.

Porén, esto non desvirtúa algunhas alarmas que tal pretensión acende. Ante todo, supón aceptar de cheo que diversos artigos do Estatut son inconstitucionais, porque vulneran preceptos de leis orgánicas. Esto pode sen dúbida sorprender a quen non sexa experto nestas materias, dado que os Estatutos de Autonomía, como todo o mundo sabe, forman parte do bloque de constitucionalidade –non así as restantes leis orgánicas– e xogan, xa que logo, como referente de constitucionalidade. A solución de modificar as leis orgánicas presuntamente contraditas polo Estatut, cohonestando ámbalas dúas normas, parece construtiva, pero causa desconcerto. Tense comentado que, sendo isto así, dá a impresión de que nos metemos nunha lea innecesaria, xa que se todo se podía amañar con meras leis orgánicas, para que modificar o Estatut?

Non comparto esta visión, porque non é o mesmo que un dereito, un mandato ou unha competencia estean plasmados no Estatuto de Autonomía, aprobado por referendo e invulnerábel para as demais leis, ordinarias ou orgánicas, e protexido por un procedemento ríxido de reforma, que incluír tal dereito ou competencia nunha lei orgánica, que as Cortes Xerais poden derrogar en canto mude o Goberno e dispoña da maioría necesaria.

Esta “operación rescate” do Estatut reactiva, pois, a polémica da superioridade dos Estatutos de Autonomía sobre as demais leis orgánicas, admitida por prestixiosos tratadistas e negada por outros de semellante alcurnia. O problema non é menor, porque a coincidencia destas normas é frecuente en materias cardinais, como as competencias financeiras e, sobre todo, a administración de Xustiza, xusto un ámbito no que a sentenza do Constitucional resulta máis inflexíbel.

Por iso, o esforzo dos redactores do Estatut apunta ao centro do sistema: a necesidade de establecer un reparto competencial claro e nídio entre o Estado e as Comunidades Autónomas. Pola súa parte, a sentenza do Tribunal Constitucional aférrase á interpretación máis centralizadora da Constitución e minoradora dos Estatutos de Autonomía. E a iniciativa de Zapatero, baixo a súa apariencia autonomista, acepta principios perigosos de prevalencia xeral do ordenamento estatal.

Esto non é cousa dun “amábel compoñedor”, senón de definir de vez un sistema claro, amparado pola seguridade xurídica. O inferno está empedrado de presuntas boas intencións.