You are hereGaliza, laica?

Galiza, laica?


UN DEBATE INADIÁVEL

Este domingo, 25 de xullo, Galiza foi unha festa. Celebramos o día da Patria Galega non só manifestándonos na Quintana senón tamén participando do Festigal. Ese punto de encontro entre a música, a literatura e as ideas. Un espazo onde sempre atopas amigos e amigas cos que parolar, compartir preocupacións ou simplemente saudarse.

Neste ocasión tiven a sorte de participar nunha mesa redonda sobre o laicismo. Un tema importante e non resolto nin en Galiza nin no Estado español. Só temos que contemplar todas as institucións do país na mañá do 25, plasmando graficamente na catedral o difícil que é diferenciar a esfera do Estado e a da igrexa. O Rei en persoa asume que o apóstolo ten que iluminar os políticos –supoño que as mulleres políticas tamén– para buscar a saída á crise económica. Todo o protocolo mostra como o poder da Igrexa non se limita á esfera das crenzas e do privado senón que asume a titorización e guía da vida pública. De feito, a propia concepción do Xacobeo como unha festa de relixiosidade e clausurada polo máximo dirixente da Igrexa reafirma esta concepción. Clausura que suporá un desembolso económico de máis de catro millóns de euros e que se xustifica en función dos beneficios que crea a visita. Se este fose o argumento real tamén se tería contratado o millonario concerto de U2, dado que produce un retorno económico da mesma magnitude.

A presenza da Igrexa tamén é notábel no mundo da educación. Podemos lembrar como unha das primeira medidas deste goberno foi restituír o concerto aos colexios que segregan as nenas e os nenos. Son xustamente estes colexios os máis avantaxados na implantación das novas tecnoloxías a través do proxecto Abalar e seguramente se beneficiarán os primeiros do que significa a marca de Centros plurilingües.

Nesta ocasión e logo das sentenza do Estatut, o tema central neste 25 de xullo foi o tema do Estatuto de Galiza e da febleza constitucional no debate territorial. Mais tamén seguir mantendo un Estado non confesional que non dá pasos cara a un laicismo real das institucións pon de manifesto outro dos eixos febles do pacto da Constitución do 78. Non é unha cuestión menor e está moito máis presente na nosa vida cotiá do que vemos ou queremos ver. A Igrexa é unha institución que se financia con cartos públicos, que paga o profesorado que os bispos elixen para impartir clases de Relixión na escola pública con cartos públicos, que restaura todo o seu inmenso patrimonio artístico con cartos públicos, etc. Incluso que decide pechar o Panteón de Galegos Ilustres á espera de cartos públicos para abrilo.

Nesta situación e co gallo do Ano Santo e todas súas as posíbeis indulxencias plenarias, debemos acometer un debate que sempre pospoñemos, o do laicismo. O laicismo non é hostil nin á relixión nin aos sentimentos relixiosos senón que pretende separar as esferas de poder para que o clericalismo non lle impoña unha determinada moral a toda a poboación.