You are hereA miseria da ocupación chega a Facebook

A miseria da ocupación chega a Facebook


AS FOTOGRAFIAS DE EDEN ABERGIL

A ex soldado israelí, Eden Abergil, nada na cidade de Ashdot, ten unha moi boa lembranza do seu paso polo Exército. O servizo militar é obrigatorio en Israel, cunha estadía de tres anos para os homes e dous para as mulleres. Moitos deles cúmprenos en Cisxordania, onde adoitan dar un trato humillante á poboación civil. Agora que xa hai un ano que abandonou o IDF –as forzas armadas–, Eden quere recuperar parte desas lembrazas. E para compartir o que ela mesma denominou “a mellor época da súa vida” cos seus amigos en Facebook, a moza subiu á rede fotos tomadas nos Territorios Ocupados nas que ela mesma aparece retratada diante de palestinos novos, de mediana idade e mesmo anciáns, esposados e cos ollos vendados nalgún das ducias de checkpoints que esganan a vida diaria en Cisxordania. Abergil fotográfase ante os palestinos arrestados coma se fose unha turista de paso pola Torre Eiffell ou a Fontana de Trevi. Aos seus amigos no Facebook, o seu turismo militar encántalles. Un escribe: “Nesa foto estás realmente atractiva”. Ela respóndelle: “Pregúntome se el –en referencia ao palestino atado de mans e cos ollos vendados ao seu carón– tamén estará en Facebook. Terei que poñerlle o nome á foto”.

A última das miserias da inmoral e destrutiva ocupación israelí foi merecente dun breve comentario por parte do estamento militar ao periódico israelí Haaretz: “Estas accións son horríbeis e crueis; os detalles deste incidente xa foron trasladados á cadea de mando”. A ex soldado israelí, pola súa banda, defendeuse da vaga de críticas suscitadas polo seu post na radio do Exército: “Aínda non sei que teñen de malo esas fotos”, laiouse. “Sexa o que for o que fagamos, sempre nos van atacar”.

As fotos de Abergil non son a excepción dunha adolescente que se embebeda do poder que lle confire ser israelí –e xa que, logo, ocupante– e ir armada en territorio palestino. Diversas asociacións de dereitos humanos israelís cualifican estes comportamentos de habituais nos Territorios Ocupados. Nun durísimo comunicado titulado “A norma que o voceiro do Exército nega”, a organización Breaking the Silence –integrada por ex militares que recollen o testemuño anonimamente doutros soldados sobre os abusos a palestinos e as experiencias vividas durante a ocupación– asegura que as fotos de Eden Abergil non representan “o horríbel comportamento de tan só unha persoa”. E engaden: “Suxerimos que o voceiro do IDF non insulte a intelixencia dos cidadáns israelís e aclare que isto é un fenómeno estendido, non unha aberración causada por un único soldado”.

As imaxes de Abergil, alén do impacto mediático, son a punta dun enorme iceberg de sometemento, maltrato e abusos dirixidos contra os palestinos, nenos incluídos. Esta semana, unha organización que traballa en Palestina, Defence for Children International (DCI), e outras dúas ONG israelís, o Comité de Dereitos Civís en Israel e Yesh Din, denuncian os abusos do Exército aos menores palestinos. DCI informou ao Comité de Dereitos Humanos da ONU de 100 casos nos que rapaces palestinos sufriron arrrestos a media noite, tortura, abusos sexuais, presión física e psicolóxica para obter confesións, e violación da tutela xudicial ao seren presentados ante o xuíz exhaustos e aterrados polos interrogatorios. O delito que se lles imputa adoita ser o de guindar pedras aos soldados.

Centos de soldados israelís e policías de fronteiras practican todos os días en Cisxordania o xogo da ocupación. Un xogo perverso, no que os palestinos quedan á mercé da inhumanidade ou a estulticia dos militares ás máis das veces, nunha impredicíbel ruleta rusa. Ese xogo ten unha regra básica: as normas ponas o soldado ao seu capricho. A adrenalina do poder. Hai algunhas pautas que os palestinos coñecen ben. No mes do Ramadam, por exemplo, os militares adoitan pechar os checkpoints ou o seu paso o máis lento posíbel para evitar que os palestinos cheguen ao iftar, o momento da comida comunitaria do día tras o solpor. Tamén se practican os rexistros a horas intempestivas; incáutanse das chaves dos conductores palestinos que pretenden cruzar os controis; demórase ou impídese o paso das ambulancias; maltrátase os detidos nos checkpoints...

A organización pro dereitos humanos israelí B´Tselem asegura que “moitos exemplos dos abusos non saen á luz pública porque se converteron en norma e, para os palestinos, encher cuestionarios de denuncia é unha perda de tempo”. Os testemuños recompilados por esta organización expoñen unha ampla panoplia de comportamentos inmorais ou directamente delictivos. Dende asaltos a labregos que cultivan ás súas terras preto do muro de seguridade, pasando por malleiras a traballadores palestinos que tentan entrar en Israel para gañarse a vida sen permiso ou o ataque a un equipo médico que evacúa á vítima dun ataque ao corazón.

Simcha Levental, ex soldado israelí e cofundador de Breaking the Silence, relataba a Xornal hai dous meses o proceso de deshumanización que experimentou durante a súa etapa coma militar nos Territorios Ocupados: “O que me pasou coma soldado é que, tendo moito coidado e ser crítico coa situación, botáballe a culpa aos máis violentos, aos colonos, aos de dereitas, aos comandantes. Pero cando me dei conta de que eu mesmo comezaba a perder todas as barreiras morais e podía convivir doadamente cun neno atado no checkpoint por maldicir a un soldado ou con rexistros de casas que non teñen unha razón militar clara, decateime de que tiña unha responsabilide”.

O que para a ex soldado Eden Abergil é un inocente xogo fotográfico –que exemplifica o comportamento inmoral que rexe entre as tropas do IDF destinadas en Palestina–, para moitos dos seus compañeiros é o calvario dos “peores anos da súa vida”. Algúns rachan o silencio cos seus testemuños para conciliar o sono. Eis un deles recompilado por Breakin the Silence; o dunha muller soldado co rango de sarxento primeiro que, coma Abergil, serviu nunha unidade de fronteira nos Territorios Ocupados: “Dalgún xeito, unha muller soldado ten que demostrarse que é máis sobre o terreo. Una muller soldado que pode liarse a paus é unha combatente de nivel. Capaz. Unha rompe bólas. Había unha así cando eu cheguei [á unidade] que levaba moito tempo. Ela era... todo o que dixen antes. Todo o mundo falaba do valor que tiña porque era quen de humillar os árabes sen pestanexar. E aquilo era o que había que facer”.