You are hereWikileaks

Wikileaks


TRANSPARÊNCIA E SEGURANZA

Os gobernos veñen usando etiquetas como “seguridade nacional”, “alto segredo”, “datos reservados” e, ultimamente, os borrosos límites da “privacidade” dos datos persoais –ironicamente, os supermercados poden saber que consume e venderlle esa información ás empresas de alimentación, mentres vostede non pode saber por que o goberno do seu concello toma esta ou aquela decisión– para pecharlle ao público o acceso a unha información xerada polo traballo dunha institución pública.

Independentemente de que vostede queira saber ou coñecer máis a fondo sobre este ou aquel tema, estamos a falar dos límites da súa liberdade para poder exercer ese dereito se tal fose a súa vontade. Se os gobernos poñen límites ao acceso hai preguntas ineludibles que responder: cales son eses límites? Quen os pon? Por que? Pódense reverter ou suprimir? Como e baixo que circunstancias? As democracias non teñen debatido aínda abondo sobre o uso indiscriminado destas barreiras, e do que significa que os poderes públicos sexan omnipotentes no decidir de que se informa, cando e ata onde.

O xornalismo de investigación ten sido, mentres este debate non se dá convenientemente, o último recurso da cidadanía para o control do uso da potestade gobernamental de limitación da información. Para moitos Watergate é a síntese perfecta do que este xornalismo persegue: denunciar abusos, acceder a informacións relevantes, impoñer a ética pública sobre a impunidade do poder, superpoñer a verdade sobre a realidade construída a golpe de intereses privativos… En definitiva, derrubar barreiras ao dereito da cidadanía de coñecer e, con esa información, construír cadansúa valoración e decisión.

O caso Wikileaks supón unha réplica perfecta, lamentablemente cada vez máis infrecuente, do que significa este san exercicio de liberdade e calidade democrática. Por iso as institucións que máis segredos pechan, nerviosas, pasaron ao contraataque, enmarcando a liberación de información con palabras como “filtración” ou “traizón”. Irónico, cando a información que se libera está elaborada (de forma pulcra e sen adulterar) por esas mesmas institucións.

Non será entón que producimos información contraria aos principios e valores democráticos? E se é o prezo a pagarmos pola súa salvagarda –como tan alegremente se nos repite–, por que non podemos saber cal é o prezo que pagamos entre todos, para aprendermos mellor sobre a democracia na que vivimos e, ademais, decidirmos conxuntamente sobre a súa organización? A que vén tanto medo?

Este medo desvela unha opacidade profundamente antidemocrática: a desconfianza das institucións democráticas (ou do poder que as ocupa) respecto da cidadanía democrática (quen articulamos, atribuímos e lexitimamos ese poder). Os titulares do poder instituído realizan un seu exercicio invisible e ilimitado, e por tanto tamén indiscutible, construíndo así un buraco negro no que desaparecen as regras da democracia: a relación representante/representado substitúese pola de soberano/súbdito, carente de dereitos, sen posibilidade de modificar os límites impostos polo poder, como K. pechado no Castelo.

Wikileaks fuxiu, por un breve intre, da forza dese buraco negro. A oportunidade para a defensa férrea do xornalismo de investigación e a construción dunha democracia mellor está aquí. Aproveitémola!