You are herePor Palestina: Boicot e Sancións

Por Palestina: Boicot e Sancións


BDS GALIZA

O pasado 9 de outubro EsCULcA, FugaEmRede, Pallasos en Rebeldía e Xudíos Antisionistas, realizaron un chamamento a toda a sociedade galega Por Palestina. A idea desas organizacións é ben sinxela: difundir a realidade da ocupación de Palestina, difundir entre a sociedade galega o Global BDS Movement, que promove unha campaña de boicot, desinvestimentos e sancións contra o Estado de Israel (podedes ver máis sobre esta campaña en http://bdsmovement.net/) e animar a participar na campaña global de ruptura do bloqueo da faixa de Gaza que se está promover baixo o lema Rumo a Gaza (podedes ver máis sobre esta campaña en http://www.rumboagaza.org/).

Aínda que a estas altura da historia, lembremos dous feitos que ocorreron logo das eleccións que gañou Hamas: o primeiro, o masacre do pobo palestino na operación militar Chumbo derretido (27/12/2008-18/01/2009), que provocou a morte de máis de 1.400 persoas, a maioría civís; segundo, o masacre da Flota da liberdade en maio de 2010, xa non debería quedar ninguén que cuestionase o continuo, permanente e criminal bloqueo -inscrito no marco dunha estratexia xenocida- que sofre o pobo palestino, algúns datos poden axudar a disipar estas dúbidas, pois como sinalaba recentemente Fernando Casares no blog Rompiendo muros (http://rompiendo-muros.blogspot.com/), os datos son ben significativos:

-antes de xuño de 2007 entraban mensualmente na faixa de Gaza 10.400 camións cargados con máis de 4.000 produtos diferentes;

-entre xuño de 2007 e xuño de 2010 a cantidade de camións que entraron mensualmente na faixa de Gaza oscilou entre 1.900 e 2.900, arredor dun 23 por cento menos (de cada 10 camións que entraban antes, agora entran 2 ou 3, segundo o día);

-entre xuño de 2007 e xuño de 2010 os produtos que entran na faixa de Gaza redúcense a 40 tipos diferentes, os que o Estado de Israel considera de primeira necesidade, de cada 1.000 produtos diferentes que entraban antes, agora entra unicamente un;

-logo do masacre da Frota da liberdade, o número de camións que comezou a entrar na faixa de Gaza mesualmente ascendeu a 3.490 camións, apenas 528 camións máis.

Ora ben, a este bloqueo obsceno -que ten consecuencias lamentables sobre a vida do pobo palestino ao desabastecelo de alimentos, material sanitario, combustible...-, cómpre engadir a expropiación de recursos naturais tan vitais como a auga, a destrución de árbores e campos, a destrución de casas e outras infraes- truturas vitais: escolas, universidades, centrais eléctricas, estradas..., o peche dos pasos fronteirizos que permiten o contacto da faixa co exterior..., feitos lamentables que están a provocar que o 80% da poboación palestina viva por debaixo do límite da pobreza con menos de 2,10$ diarios, que a taxa de desemprego entre a poboación activa palestina sexa do 47% e que o futuro do pobo palestino estea severamente ameazado, como se desprende de diferentes informes elaborados nos últimos anos.

Velaí as condicións de vida dun pobo, o pobo palestino, sometido a un criminal bloqueo que cómpre romper