You are hereEn contra do sionismo

En contra do sionismo


CONDICIÓNS INDESPENSÁVEIS PARA A PAZ

"O sionismo, en todas as súas formas, debe ser abandonado" (IJAN, Rede Internacional de Xudeus Antisionistas)
Mañá, o político e diplomático israelí Shlomo Ben Ami ditará unha conferencia titulada O valor da diplomacia, na que reivindicará o papel da "diplomacia e o diálogo na resolución de conflitos internacionais", como o arabo-israelí, que o autor coñece ben por ser protagonista activo nun dos dous bandos: o sionista. Ora ben, pódese argumentar a prol da diplomacia como vía para resolver o conflito dende a defensa da ideoloxía sionista? Non.
O abandono do sionismo, como proclaman os xudíos antisionistas (podedes consultar o seu manifesto en www.judiosantisionistas.org/), é unha condición indispensable para a paz.
Por que? As razóns son moitas, pero pódense reducir a dúas: primeira, o sionismo inspira a discriminación legal entre palestinos e xudíos, unha situación que pode agravarse se se avanza polo escuro sendeiro aberto pola Lei de xuramento de fidelidade, que sitúa ao Estado de Israel a un paso da súa conversión en República Xudía de Israel, como reflexionaba recentemente Gideon Levy (www.esculca.net/opinion/A_Republica_xudia_de_Israel.htm); segunda, o sionismo asume que o territorio de Israel pertence ao pobo xudeu -de feito, para os fundadores do Estado de Israel, a súa misión histórica era devolver a "un pobo sen terra, unha terra sen pobo"!-, polo que é o inspirador das violentas políticas segregacionistas, da ocupación e das agresións militares contra a poboación palestina. Apenas temos que botar unha ollada para decatarnos das consecuencias do sionismo na vida cotiá do pobo palestino e, como sinalan os xudeus antisionistas, do propio pobo xudeu, pois "como tal, o sionismo implícanos na opresión do pobo palestino e na denigración das nosas propias tradicións, loitas pola xustiza e alianzas co noso próximo".
Obviamente, a situación ten solución, pero, como sinalaban recentemente Uri Avnery, Virginia Tilley, autora de Palestina/Israel: un país, un estado. Una iniciativa audaz para la paz (AKAL, 2007), Ilan Pappe, autor de Historia de la Palestina moderna: un territorio, dos pueblos (AKAL, 2007), e outros activistas pola paz, as condicións materiais actuais dun futuro Estado palestino, bantustanizado, sen continuidade territorial e sen recursos propios, fan inviable a súa existencia, polo que a única solución posible ao conflito, orixinado polos europeos e os norteamericanos hai máis de sesenta anos, é a construción dun único estado, laico e democrático, de Palestina. A mesma solución que proclamaba o 13 de novembro de 1974, perante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Yaser Arafat: "Unha solución pola que poderiamos vivir xuntos, nunha paz xusta, nun só estado democrático de Palestina, no que os cristiáns, xudeus e musulmáns puidesen vivir en xustiza, igualdade, irmandade e progreso". Velaí unha paz xusta e democrática; o contrario sería perpetuar as condicións de explotación e miseria da poboación palestina, as condicións da dominación..