You are hereO artigo 16 da Constituición Española

O artigo 16 da Constituición Española


VISITGA DO PAPA

Obedecen tan só a unha lóxica racional e respectuosa para coas diversas e múltiples crenzas relixiosas e, por riba de todo, inciden nunhas observacións que afectan ao consignado na Carta Magna que regula a vida en sociedade de toda a cidadanía do Estado español. Neste caso, o seu artigo 16.3, ese que di na súa primeira parte que “ningunha confesión terá rango estatal” (artigo 1.3. da Lei Orgánica 7/1980 de 5 de xullo, de Liberdade Relixiosa).

Con estas palabras desexamos introducir reflexión e pensamento crítico desde unha concepción laica para denunciar aspectos que se agochan detrás da visita do papa. Insisto, desde o respecto para todas as confesións relixiosas, incluído o respecto para esas persoas que non cren.

Neste país as estruturas que controlaban o imaxinario social durante o franquismo –a curia é unha delas- seguiron, nesa etapa chamada Transición, afortalando as súas bases e os seus engranaxes de presenza social, asegurándose que nada puxese en serio e real perigo os seus privilexios. A falta de valentía dos primeiros políticos e a posición de dominio deses engranaxes sociais da igrexa explican o carácter contraditorio da Constitución española que, nese mesmo artigo 16.3. di, na segunda parte, que o Estado “terá en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterá as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa Católica e as demais relixións” (art. 16.3). Contradición que explica o que hoxe acontece no anómalo sistema educativo español, onde se ensinan os preceptos acientíficos da relixión católica a carón das leis da evolución humana lanzada por Darwin. Contradición que se traduce na multiconfesionalidade do Estado español. E, tal como o entendo, e vendo as liñas de forza actuais, e pensando no debuxoi multiconfesional do futuro en Europa e en España, isto vai en contra da tranquila convivencia das relixións, xa que unha delas é elevada de facto a rango de dominante polo Estado, rachando o principio de igualdade e, xa que logo, invalídando, en certo sentido, iso de que “ningunha relixión terá carácter estatal”.

E quero lembrar tamén aquí que desde os interiores da igrexa, os seus crentes de base en Galicia, reunidos ao redor dunha plataforma, lanzaron hai algún tempo un manifesto no que reclamaban a necesaria separación entre Igrexa e Estado, cun modelo de financiamento diferente. Claro está non lle fixeron caso.

Todo o que envolve a visita do papa é proba de que estamos lonxe de poder vivir nunha sociedade respectuosa (intercultural) e consciente das súas eivas estruturais. Hoxe (16-10-2010) podíamos ler nunha portada dun dos xornais de Compostela, toda a “ledicia” do medio coa “parafernalia” que se vai montar en Compostela, xusto a carón doutra nova que afirmaba que un 55% das familias galegas ten problemas para chegar a fin de mes. É normal entón gastar 3 ou 4 millóns de euros na exaltación dun desfile de personaxes? (E ollo! aquí introduzo tamén a calquera outra demostración multitudinaria que supoña gasto de diñeiro público de forma absurda: paseos triunfais e outros actos coma desfiles militares ou as mediáticas e populistas visitas de reis, raíñas e príncipes). É racional que todas as prazas públicas de Compostela se convertan en improvisados santuarios relixiosos (católicos) para seguemento do desfile do papa e misas retransmitidas a través de pantallas xigantes? É iso o que entende o Estado/a Xunta por respectar a todas as confesións relixiosas en rango de igualdade? (Deixo de lado toda a “calculometría” económica en forma de prezos abusivos que esperta o evento, demostrando onde está a austeridade, a racionalidade, e mesmo a propia caridade cristiá...no espectáculo e na mercadotecnia!)

Chama a atención o desbaldimento deste diñeiro público, o de todas as persoas, isto é, tamén daquelas que non son crentes e mesmo, das que séndoo, practican outras confesións distintas á católica representada polo papa. Este personaxe, lembrémolo, goberna un auténtico estado, onde o diñeiro foi/é fonte de corrupción que implica a personaxes da vida política italiana, desde prelados até políticos. Esta última afirmación, desde logo, non é gratuita, está recollida do libro máis vendido en Italia no 2009, Vaticano S.A. de Gianluigi Nuzzi.

O vaticano respondeu á intelixente e precisa investigación de Nuzzi cunha política de silencio –se non saes na tele non existes e, claro, con Berlusconi...- para que o pobo non se enterase de como funciona o artellado económico-financeiro da curia.

No Estado español, mentres, coa visita do papa asistimos ao silencio de calquera acto contrario ao desbaldimento, ao uso de espazos públicos para confesións relixiosas. É como se, en nome do politicamente correcto (para atraerse votos como sexa), non se puidese dicir nada. A pesar de que comezan a xurdir posicionamentos críticos, o máis frecuente é ver relatos exaltados ou mesmo ataques directos a eses escasos posicionamentos críticos, tal como lle aconteceu a Fran P. Lorenzo e do que, agardo, lle deixen ter dereito a réplica.

Non é entendible que o Concello de Compostela ceda espazo público para monumentos relixiosos financiados por entidades privadas. Non sería un bo sitio que a curia lle cedese un espazo na Catedral á efixie do seu papa e se deixasen de ocupar parques públicos?

Tan só a alienación impide ver claro nesta “tolemia” colectiva. O IOR (Instituto para as Obras de Relixión), o banco do vaticano, conta cun montante de 5.000 millóns de euros. E sabemos que os cobizosos e nada austeros habitantes do vaticano practican operacións empresariais e financeiras das que non queren informar. Entón, pregúntome: por que temos que pagar a visita deste rico personaxe cando, por riba, se nos di de forma insistente que non hai diñeiro, que se reducen os recursos da sanidade, da educación e dos servizos sociais? En nome dunha crenza? É totalmente absurdo. As crenzas relixiosas son, por moito que o queiran negar os politicamente correctos, expresión dunha interioridade e teñen os seus lugares e templos particulares para expresarse de forma individual e colectiva entre os seus semellantes. Pero as rúas, os espazos públicos, e mesmo os colexios públicos, non poden nin deben ser privatizados polas crenzas de cada quen.