You are hereA xustiza é igual para todos

A xustiza é igual para todos


CIGANOS E EMPRESÁRIOS

Coma vostedes saben a xustiza ven represen-tada por unha muller cos ollos vendados que sostén unha balanza en equilibrio perfecto para significar que é igual para todas as persoas. É verdade? Vostedes o cren?

Ven isto a conta de dúas noticias que a pasada semana lin no xornal El País. Na primeira, agochada nunha columna da esquerda da páxina esquerda, cun titular mínimo, só posible de ler polos que devoramos as páxinas de economía, infórmábase de que “Angelo Mozilo, convertido en uno de los grandes villanos por inundar desde Countrywide el mercado de hipotecas subprime, pactó con el regulador del mercado de valores una sanción de 67,5 millones de dólares para evitar ser acusado de fraude”. Na segunda, infórmase de que o o xulgado do penal, nº 2 de Ferrol “ ha condenado a siete personas de etnia gitana a 25 años de cárcel cada una por agredir a varios policías en el poblado de Catabois en 2004”. Para completar a información, a sentenza vai ser recorrida pola Asociación do Pobo Xitano de Galicia por “discriminatoria e inxusta” e porque se violaron dereitos fundamentais e non houbo garantías dabondo para á defensa dos acusados”.

Por certo, sorpréndeme que a primeira noticia non tivera o máis mínimo eco nos xornais e nas tertulias de radio, cando representa con claridade que a xustiza non é igual para todos. Que hai dúas varas de medir: unha xustiza para os poderosos e outra para os débiles.

Angelo Mozilo, un dos que anegou o mercado de hipotecas lixo, nunha actuación criminal que provocou a crise actual e o conseguinte peche de miles de empresas que mandaron a millóns de persoas ao paro e a miseria, pode evitar ser xulgado por fraude pagando unha multa. É dicir, elude a xustiza mediante pago económico.

Na segunda noticia, sen entrar no fondo do problema por descoñecemento, a lei aplícase con todo o rigor. Non parecen poucos 25 anos de cárcere por agresións, aínda que os agredidos sexan policías. Aplicaríase igual se os agresores foran os Angelo Mozilo de quenda? Vostedes mesmos.

Claro que os que durante anos dedicamos a nosa actividade ao sindicalismo coñecemos de sobra que, nun sistema capitalista a lei está a favor dos que detenta a propiedade, de tal forma que cal Angelo Mozilo poden evitar a xustiza e o cárcere co pago de multas por violar a legalidade.

Poderíamos poñer multitude de exemplos: fraude de lei nos contratos de traballo, impago de salarios, accidentes de traballo con invalideces e morte a consecuencia de falta de medidas de seguridade no traballo, xestión neglixente das empresas que levan ao seu peche, impago á seguridade social ou a facenda, etcétera, solvéntanse con sancións económicas máis ou menos onerosas, se se descobren, e punto. Incluso en situacións de case escravismo dos traballadores, todo se resolve con ese tipo de sancións.

Para rematar, vostedes cren que vai caer todo o peso da xustiza sobre os empresarios chilenos da mina San José ou sobre o ínclito Díaz Ferrán?

Se vostede, cidadán normal, se lle ocorre por exemplo, non pagar é facenda, que cre que lle pasará? E se por imprudencia provoca mortes?

No fondo, o Estado de dereito tén serias eivas. E a xustiza non se aplica como debería aos poderosos. Para comprobalo aí teñen a fraude fiscal, a economía somerxida ou os paraísos fiscais, niños legais do diñeiro criminal procedente da prostitución, narcotráfico, tráfico de armas, blanqueo de capitais, etcétera.

Estas reflexións tráenme á memoria un excelente ensaio do profesor Elías Díaz, titulado “Estado de derecho y sociedad democrática” editado por Cuadernos para el Diálogo a finais dos anos 60 no que, despois de analizar todos os sistemas de goberno existente, chegaba á conclusión de que a condición de Estado de dereito e sociedade democrática só se daba na súa plenitude nunha sociedade socialista democrática. Por iso dende moi novo entendín que para que a lei sexa igual para todos é necesario cambiar democraticamente o inmoral e inxusto sistema capitalista por unha sociedade socialista e democrática.