You are herePola sua grandísima culpa

Pola sua grandísima culpa


A VISITA DE RATZINGER

Aínda que me estea gañando a pulso outro anaquiño de inferno, se non o digo rebento. Porque a liberdade de expresión non debe coñecer excepcións. Porque a opinión é libre incluso para falar de Deus. Ou do Demo. Ou do Papa. E confeso: Danme ganas de botar a correr cando tropezo cunha das imaxes de Benedicto XVI saudando coa man el alto. Mirándome aos ollos cun sorriso santón e místico que perturba a miña paz espiritual.

Fixen a firme promesa de mostrarme allea a todo o balbordo que se está montando coa chegada de Joseph Ratzinger a Santiago. Como se fose visitar Mogarisco ou Monrovia. Pero non foi posible. Non é posible. Ademais da fotografía invasora dun home no que non creo, vexo como os dereitos constitucionais e a democracia están resultando feridas de gravidade pola súa culpa. Pola súa grandísima culpa.

Primeiro, asistimos ao secuestro, por parte da súa propia imprenta, da revista satírica Retranca do gran artista e valente persoa Kiko da Silva. O motivo: criticar en exceso o exceso de gasto que supón a visita do Papa. Unha realidade indiscutible. Un feito incontestable e moi sinxelo de comprobar. Pero non hai peor cego que o que non quere ver. Nin máis xordo que o que non quere oír.

A cabeceira, que conta cos mellores profesionais do cómic galego e con firmas invitadas de publicacións como El Jueves, non puido chegar este mes aos kioskos. Un claro exemplo de censura nun estado aconfesional onde Cristo e a Virxe deberían quedar no ámbito da máis estricta intimidade. Porque non é un delito ser ateo, nin agnóstico, nin laico. Porque o delito debería ser malgastar diñeiro público a favor ­dunha determinada fe relixiosa. Que non podemos presumir de austeridade cando dilapidamos tres millóns de euros na visita dunhas horas dun home, por moi enviado de Deus que se proclame.

Son moitos os que aínda cren que a Igrexa xa non exerce ninguna presión para impedir o pleno exercicio das liberdades. Que é unha entidade respectuosa e inocua. Que xa é pasado aquilo da Inquisición, da queima de libros, dos abusos e da confabulación co franquismo. Que hoxe é un ente amable que convive en perfecta harmonía co estado demócratio. Igual que a Monarquía.

No entanto, o día a día demóstranos a inocencia e candidez deste pensamento. A Igrexa coartou, coarta e coartará calquera visión que difira da súa. Eríxese en voz cualificada para intentar tumbar leis que falan de progreso e, sobre todo, de democracia.

Tivemos que soportar a súa ignorancia e descoñecemento opinando do matrimonio homosexual, do aborto, do condón, da células nai e ata de teoría evolucionista de Darwin. Canta paciencia. Tivemos que aguantar a súa ousadía créndose capacitados para falarlle de sexualidade aos nenos cando eles, en teoría, de orgasmos, masturbacións e de praceres terreais non saben nin de oídas. Temos que aturar que nolo traian. Pero, ao igual que moitos galegos, eu non o espero.