You are hereConsideracións ante a visita do Papa

Consideracións ante a visita do Papa


Coléxio Profesional de Xornalistas

Ante a próxima visita do Papa Bieito XVI a Galicia, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere lembrar algúns dereitos e deberes nuns casos contemplados na Constitución Española e noutros no Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.

Segundo  a Constitución Española, España é un país aconfesional no que todas as relixións deben ser respectadas pero ningunha ten o carácter de estatal. Garántase, segundo o artigo16 a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto e ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas. Asemade, a liberdade de expresión e o dereito á información son dous fundamentos substanciais da sociedade democrática. Os dous son dereitos recollidos e amparados pola Constitución. Do vigor, o respecto e a plena vixencia destes principios depende a existencia dunha opinión pública plural e independente, requisito indispensable para o bo desenvolvemento da vida pública e a plenitude do sistema democrático.

É por iso que, ante as queixas postas en coñecemento deste Colexio polo intento de silenciar voces críticas coa visita papal, trabas e impedimentos á saída de publicacións, ameazas de boicot a medios que publiquen opinións discrepantes, chamamentos á censura, insultos a xornalistas ou non publicación de cartas ao director con opinións críticas, reclamamos a necesidade do respecto ao dereito de réplica así como á pluralidade informativa, á discrepancia e á crítica formuladas dende o respecto tanto á honra, intimidade e propia imaxe como á liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto, dereitos protexidos e recoñecidos pola Constitución Española.

Non podemos esquecer que a garantía dos dereitos da cidadanía require a defensa duns medios de comunicación libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven. A importancia da función social que presta o/a xornalista a través dos medios de comunicación, como elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe salvagardar permanentemente estes principios de calquera intento de restricción ou coacción procedente de toda forma de poder, así coma da súa posible degradación, producida pola súa eventual inobservancia ou adulteración por parte dos propios medios ou de quen traballa neles.

O CPXG é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia que suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

Xunta de Goberno

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia