You are hereEu si que espero, o marketing cansa

Eu si que espero, o marketing cansa


VISITA DE RATZINGER A COMPOSTELA

Estamos nas horas previas á visita de Bieito XVI á nosa terra. Poucos cidadáns son descoñecedores da mesma. Incluso o Goberno Feijóo, sempre tan previsor nos asuntos de marketing mundano e divino, encargouse de facer as insercións correspondentes nos xornais e decorar todas as cidades e vilas anunciando a visita. Non vaia ser que algún despistado quixera manterse á marxe da austeridade do evento.

Todos e todas estamos informados e agradecemos aos medios de comunicación todo o esforzo que fixeron para difundir a visita. Dubido sobre se debemos agradecerlle ou non que teñan posto tanto esmero e coidado para garantir a liberdade de expresión como o seu propio código deontolóxico establece. Mais este é un aspecto que lles toca xulgar a outros e como é tempo de esperas, agardo que así se faga. Ademais como boa parte da información foi xerada e xestionada con cartos e recursos públicos, ou sexa, que a sociedade galega investiu a través do seu Goberno tempo e orzamento para un acto que ten por orixe e cometido unha acción pastoral, coido que tamén podemos estar dobremente esperanzados.

Por iso, eu si que espero. Espero que se recoñeza que é unha decisión política sufragar con cartos públicos a divulgación da mensaxe evanxélica de Bieito XVI mais alá de garantizar a seguridade e o normal desenvolvemento dos actos. Segundo, que se recoñeza a contradición que existe entre a prédica da austeridade e a ostentación dunha arquitectura efémera chea de obras de arte e pedras preciosas no Obradoiro. Terceiro, que se recoñeza que se decide prescindir do galego como unha lingua na que unha parte importante da cidadanía vive a súa fe porque non existe vontade do seu recoñecemento internacional como lingua propia deste país. E, por último, agardo con pouco esperanza que se manteña o respecto para os valores laicos que sustentan o Estado aconfesional no que vivimos.

Logo da visita seguiremos esperando. Eu desde logo que de xeito activo para conseguir superar este carácter aconfesional e camiñar cara un Estado laico. Estado no que se respecten as relixións, e aos non crentes tamén, como expresión da espiritualidade humana mais que separe nidiamente as esferas do público e o privado. Que fuxa da inxerencia duns determinados valores confesionais ou teologais na confeción da lexislación democrática vixente. Que non trate de favor institucións como a Igrexa que acumulan as súas riquezas por centos de millóns e que reciben da administración máis de seis mil millóns de euros ao ano. No que se recoñeza o carácter laico da educación como un piar básico para a cidadanía. Por último, un estado que permita en todo momento a crítica pública e política de todos os temas, incluídos tamén os relixiosos.

Mañá estaremos atentas aos discursos, e a súa hermenéutica posterior nos medios, porque en Galiza existe un goberno que no canto de estar preocupado polos últimos datos do paro galego que se incrementa máis que a media estatal xoga todo a unha soa carta. A do Apóstolo milagreiro. Se cada debería Feijóo deixar de esperar por Godot e centrarse no país e os seu problemas. O marketing tamén cansa, incluso aos esperanzados.