You are hereEu non te espero, Bieito

Eu non te espero, Bieito


A Visita de Ratzinger

Non o agardo, posto que desde o ateísmo militante para min só representa a cabeza da xerarquía dunha secta asentada na superstición e na apoloxía do medo. Conste, que esta afirmación non menoscaba en absoluto o profundo respecto que me merecen as e os crentes católicos ou de calquera rito. Alá cada quen coas súas crenzas e coas súas liturxias. Esixo, iso si, tamén respecto para o meu laicismo radical.

Porén, cando as crenzas particulares, sexan de mística pagana ou do corpus regrado dunha relixión maioritaria, ­teiman en ocupar a esfera do público, rachamos o san principio da indispensábel aconfesionalidade.

Non me molesta que Bieito XVI –ou o Dalai Lama– percorran unha ou todas as cidades do noso país, o que é inadmisíbel é que as súas xiras –coma estrelas de rock– supoñan sitialas policialmente e suspender arbitrariamente dereitos civís fundamentais como o do libre tránsito ou a libre expresión. Discrepo ademais de que os seus paseos sexan financiados a conta dos impostos de todos, mesmo daqueles que discrepamos completamente da tradición homofóbica, discriminatoria e patriarcal que define o seu discurso e práctica.