You are hereCarta aberta ao Papa Bieito XVI

Carta aberta ao Papa Bieito XVI


A Visita de Ratzinger

Señor Joseph Ratzinger: Quero facelo sabedor de algúns asuntos que coido deberían ser do seu interese perante e súa visita á capital de Galiza,Santiago. Na súa estadía debería tratar asuntos pendentes de hai moitos anos. A historia e moitas persoas están aínda á espera de que a Igrexa católica pida perdón e recoñeza como foi quen de amparar e bendecir baixo o nome de cruzada tantos crimes, torturas, asasinatos, paseos, fusilamentos, tanta dor e sufrimento amparando unha ditadura militar, ilegal e ilexítima, desde 1936 até 1975, por certo que moitas desas vítimas pertencían á comunidade que vostede preside, que non dubidou en considerar a súa morte xusta e necesaria. Quero tamén que saiba que un dos cárceres que acocharon tanto crime está o carón da praza onde vai facer a misa, chámase a “Falcona”. Quero tamén dicirlle que eiquí na Galiza non houbo guerra, somentes represión, morte, sufrimento e moita dor, mais estou segura que esta temática non será tratada na súa homilía. Quero que tamén me aclare como é posíbel que presidindo unha comuninade que predica a pobreza, a súa visita poder ter un custe aproximado de 3 millóns de euros, e as instalacións que vai usar apenas unhas horas para a liturxia teñen un custe de 300.000 euros, para logo desfacela. Nunca Santiago tivo unha instalación efímera dun prezo semellante. Pensou vostede que unha persoa que precisa 6.000 policías nos seus desprazamentos é un perigo e unha ameaza? Debe tamén coñecer que na Galiza existe liberdade de expresión, mais a súa visita non pode ser nin criticada nin ter opinións discrepantes sen que o Arcebispado de Compostela envíe escritos recomendando que nada sexa publicado contrario a ese evento. Algún medio xa lle fixo caso suprimindo colaboracións de xornalistas e artigos de opinión. Ten tamén que saber que na súa visita a Santiago, o protocolo ten previsto o uso partidista e partidario da súa persoa cunha audiencia a un membro destacado do Partido Popular. Quizais toda esta información máis o coñecemento de que Galiza ten un idioma propio, no que estou a escribirlle esta carta, xa lle foi comunicado polo seu persoal de confianza. Permítame que dubide de que a vostede todos os temas citados lle ocupen un só intre do seu tempo, nunca mellor dito “de ouro” e saiba tamén que por estas e outras moitas razóns moitas persoas non o agardamos.